Boottle

A cigoña saiu de París con destino a Galicia, pero por algunha razón aterrou en Burdeos“. Así define Greg Prévôt, nunha mestura de galego e castelán con forte acento francés, a súa orixe; algo que ven confirmar a miña teoría de que os galegos nacemos onde nos peta. Greg tardou un tempo en comprender que era galego, pero despois aplicouse a elo con gañas.

Con 23 anos o bordelés pasou unhas vacacións en Sada (A Coruña) e convenceu aos amigos para volver ao ano seguinte, amigos que despois non foron capaces de convencelo a el de regresar á súa cidade natal. Con 24 anos Greg dixo que quedaba en Galicia e aquí continúa, casado cunha galega e cun fillo nacido na Coruña, e os galegos, especialmente os que andan fora do país, saben ben como bota un raíces alí onde nacen os fillos.

Coñecín a Greg hai uns anos, cando decidiu elaborar un dicionario-guía gastronómica de Galicia. Unha obra multilíngue dirixida aos visitantes de fóra, especialmente aos que non saben nada, ou moi pouco, da gastronomía galega. Con textos de Cristino Álvarez (Caius Apicius) e de quen escribe estas liñas, a guía nunca foi publicada por Turgalicia, que foi quen pagaou a súa confección.

Volvémonos ver na compostelá Viña de Xabi no Wines and Blogs organizado por Greg co obxectivo de presentar o seu novo proxecto, que xa é unha realidade palpable: Boottle, una empresa dedicada á comercialización de viño a través da internet.

Boottle nace na Coruña e con ese nome en inglés quere deixar claro a súa vocación de internacionalidade. Agora xa está presente en Francia e Suíza e aspira a facelo pronto en China.

O negocio parece simple: vostede merca o viño a través da páxina de Boottle pero recíbeo directamente dende a adega. E paga o prezo da adega, os portes e un pequeno plus que son os beneficios de Boottle: 13,75 por cento de media. Nesas condicións é doado pensar que o prezo ao que imos recibir o viño vai estar por debaixo do  que atoparemos no mercado. Naturalmente, estas condicións obrígannos a mercar como mínimo unha caixa de viño, polo que Boottle prepara unha segunda maneira de vender viño por botellas soltas que se reciben de maneira inmediata: a través de viñotecas. A Viña de Xabi (Santiago de Compostela) será a primeira. Un cliente de Compostela pode mercar unha (ou varias) botellas de viño nesta viñoteca sen saír da casa. Bastará con facer o encargo a través de Boottle para que nun prazo aproximado dunha hora o viño estea na súa casa, transportado por un ciclista. Evidentemente, o viño sairalle máis caro que coa opción anterior, pero non máis que se vostede vai en persoa a recollelo á viñoteca, e conta coa inmediatez. Este modelo, que comezará a funcionar en Santiago, irase estendendo progresivamente a outras cidades.

Pero seguramente o mellor da proposta é que poderemos mercar viños que o mercado da nosa vila ou cidade non nos ofrece. Boottle ten actualmente arredor de 5.000 referencia, marioritariamente de Burdeos, pero tamén galegas e de outras procedencias. E vai seguir medrando a oferta.

Dicía antes que volvín ver a Greg a semana pasada no Wines and Blogs que organizou en Compostela. Por alí estaban tamén Manolo Gago (Capítulo Cero), Alex Morán (Pantagruel supongo), Dani e Toni (Catalia), Rosa Veiga (Galicia Gastronómica), unha representante da adega Paco&Lola ou Walter Podda, un italiano radicado en Galicia, dedicado ao mundo da publicidade e propietario dunha adega na Ribeira Sacra. Vaia, o dito, que os galegos nacemos onde nos peta.

One thought on “Boottle

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *