Festa da Faba de Lourenzá

Vendedora de fabas

O pasado 2 de outubro visitei a Festa da Faba de Lourenzá por primeira vez dende que este produto dispón de Indicación Xeográfica Protexida (IXP) e o que vin resultoume decepcionante: todo segue igual.

Na festa a IXP case non ten protagonismo porque a meirande parte das fabas que alí se venden seguen sendo a granel, algo que prohibe expresamente o regulamente da IXP, e a oferta de fabas certificadas é certamente escasa. A foto do posto onde eu merquei da fe do que digo, o mesmo que a publicada polo diario El Progreso.

Descoñezo canta faba amparada pola IXP se vendeu na festa, pero imaxino que moi pouca e por dúas razóns fundamentais: as fabas a granel estaban moito máis baratas que as certificadas e se noutras condicións a contraetiqueta garante a calidade, na festa de Lourenzá a confianza xoga de forma decisiva, máxime cando os mesmos envasadores de faba IXP tamén venden a granel.

Hai outra razón e, dende o meu punto de vista moito máis importante que o prezo. Sen dúbida a mellor faba da Mariña é a que se vende verde, é dicir, sen sometela a un proceso previo de secado. Son fabas que cocen na metade de tempo que as secas, non precisan remollo, case non teñen pel e resultan máis saborosas. Son moitas razóns para que os consumidores opten principalmente por elas e na festa podíase ver como tódolos postos tiñan grandes cestas para as fabas frescas e outras máis pequenas para as secas, pero as cestas das frescas, con ser as máis grandes tamén eran as máis baleiras.

O problema é que estas fabas frescas non se comercializan amparadas pola IXP (eSedidió asegura que non están amparadas polo regulamento), polo que é preciso mercalas a granel. Teñen un problema: aos poucos días de mercalas comezan a xerminar, polo que hai que gardalas no conxelador de inmediato. Pero non pensen que a conxelación sería un problema para que as fabas frescas foran amparadas pola IXP, porque a realidade é que o seu regulamento obriga a conxelar tódalas fabas antes de proceder ao secado como método para evitar o gurgullo (o outro sistema sería moito máis agresivo, pois consistiría na aplicación de produtos químicos).

Así que xa a temos montada: na festa ofrécese faba amparada pola IXP, pero pouca, porque os consumidores buscan fundamentalmente a fresca que a IXP non lles ofrece, e se mercan seca saben que a calidade da de granel é máis ou menos a mesma que a envasada, pero a un prezo moito máis reducido.

Resulta evidente que o concello e o consello regulador deberían repensar a festa. Porque, envasada ou a granel, fresca ou seca, estas fabas da Mariña son do mellorciño que hai en España e merecen un mellor trato.

Hoxe, buscando o enlace coa web da IXP atopei a guinda do pastel: a páxina dunha empresa que asegura que a Faba de Lourenzá goza simultáneamente de Denominación de Orixe Protexida (DOP) e de Indicación Xeográfica Protexida (IXP). E para máis inri a devandita empresa está domiciliada en Madrid.

Interesante reportaxe en Galicia Gastronómica

2 thoughts on “Festa da Faba de Lourenzá

  • 08 de Outubro de 2010 at 20:25 08Fri, 08 Oct 2010 20:25:17 +000017.
    Permalink

    O máis atómico da páxina son as sopeiras para servir as fabas. E devezo porque alguén me regale unha, máis que nada para xogar aos bolos, deporte popular nunca ben ponderado.
    No tocante ao da festa, concordo absolutamente con vostede, e máxime se un vai despois aos postos que están na lonxa. Eu este ano non puiden ir (e tampouco tiña cartos para gastar) polo que moito me temo que vou vivir de lembranzas ata polo menos o 2011. Adoitaba comprar 5 a 10 kilos de faba fresca.
    (e que conste que non acertou vostede coa mellor faba deste ano, que era a de outra señoriña. Vantaxes de estar asesorado :-))
    (

    Reply
  • 12 de Outubro de 2010 at 20:50 08Tue, 12 Oct 2010 20:50:31 +000031.
    Permalink

    Jefe, non hai maneira de comentar niste post. E unha de tres: ou son persoa non grata e obxecto das súas iras cibernéticas, ou é que ten o trasto escarallado ou é que definitivamente estoume a converter nun virus.

    eSedidió

    Reply

Deixa una resposta a eSedidió Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *