Outono gastronómico en turismo rural

Volve o “Outono gastronómico en Turismo Rural”, no que este ano participan 117 casas de turismo rural de toda Galicia, con menús especiais a un prezo pechado de 30 euros por persoa, viños e bebidas incluídos.

O ano pasado expresaba a miña estrañeza polo feito de que unha parte das casas participantes incluísen no seu menú viños “da casa” ou de “elaboración caseira”, pero este ano vexo que esa cuestión se corrixiu e todos, sen excepción, inclúen co menú viños con denominación de orixe.

O outono gastronómico é unha actividade de desestacionalización turística que lanza ao mercado Turgalicia e co que, supoño, preténdese atraer turistas a Galicia en tempada baixa e, por outra banda, atraer turistas galegos ás casas de turismo rural. Para iso emprégase un dos argumentos máis potentes que ten o país, a gastronomía.

Os turistas de fóra de Galicia, cando veñen á nosa terra buscan fundamentalmente a cociña tradicional do país, esa que a xeración actual recibiu das anteriores e está disposta a transmitir ás seguintes, que iso é a tradición, sen necesidade de remontarnos aos tempos de Adán e Eva. Por iso non creo que acerten na súa selección de menús algunhas desas casas de turismo rural galegas que van servir hummus, samosas, crema catalá e algúns outros pratos que, de momento, non forman parte da nosa tradición. Talvez consigan atraer curiosos da súa contorna, pero non creo que un turista madrileño ou barcelonés, por exemplo, veña a Galicia co pretexto para comer cociña libanesa, italiana ou maorí.

Desestacionalización turísitica son dúas palabras que cada día se escoitan máis en Galicia para referirse a actividades que en realidade habería que denominar como dinamización cultural, actividade non menos importante que a primeira, pero si diferente.

Probablemente as primeiras actividades de desestacionalización turística, con contidos gastronómicos, que se desenvolveron en Galicia foron este Outono gastronómico en turismo rural e as campañas Santiago repetirás, do concello de Santiago de Compostela. Curiosamente, ambas naceron no mesmo outono de 2007.

Aquel ano en Santiago, impulsado por Turismo de Santiago, celebrouse a primeira edición de Santiago repetirás, con show coking (con degustación) os sábados e domingos de cinco meses (de novembro a marzo) polos que pasaron os mellores cociñeiros de Galicia e nos que se traballou con mariscos, polbo, cogomelos, castañas, lamprea… Un amplo grupo de restaurantes da cidade ofrecían menús temáticos vinculados aos devanditos talleres. Ao ano seguinte os shows substituíronse por catas con maridaxe, polas que pasaron todos os viños con D.O. de Galicia, as cervexas, os queixos, embutidos, conservas… e por un novo formato: “Merco e cociño”, no que un grupo reducido de persoas fai a compra na praza de abastos de Santiago en compañía dun cociñeiro de primeira fila e despois cociñan baixo a súa dirección. Poderán copiar a fórmula en calquera outro lugar, pero só Santiago dispón dunha praza de abastos como esta e ninguén máis pode ofrecer o privilexio de cociñar no Hostal dos Reis Católicos con chefs da categoría de Marcelo Tejedor, Iago Castrillón, Pepe Solla, Beatriz Sotelo, Pedro Roca, Flavio Morganti… O éxito das catas con maridaxe e os “Merco e cociño” foi tal que se repetiron no Forum Cidade, no marco do Forum Gastronómico Santiago 2010.

Pero todo iso non deixa de ser dinamización cultural se non vai acompañado de ofertas por parte dos hoteis da cidade, paquetes turísticos e unha comunicación eficaz que faga chegar esas ofertas aos turistas que se atopan lonxe de Galicia. Con todo iso contan os Outonos gastronómicos e Santiago repetirás, que están presentes en miles de axencias de viaxes de toda España mentres outras actividades de dinamización cultural (por exemplo moitos dos concursos de trapas que se celebran en Galicia) quedan reducidas á súa contorna máis próxima.

Dunha ou outra forma, campañas de dinamización cultural e de desestacionalización turística sempre son benvidas e, feitas con cabeza, sempre suman. Pero chamemos ao pan pan e ao viño, viño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *