Tarta de Santiago versus tarta de almendra

Algo, que non me parece moi bo, pasa arredor da Tarta de Santiago.

Segundo nos indicou o presidente do Consello Regulador da IXP, Manuel Iglesias, esta fin de semana na Cadena SER, as primeiras tartas amparadas pola indicación xeográfica protexida poderían estar no mercado no próximo mes de setembro. En febreiro aprobouse o seu regulamento e en maio a Unión Europea incluíu a IXP no rexistro correspondente. Dende entón todo foron trámites: inscrición das empresas produtoras no rexistro da IXP (están inscritas arredor da metade das grandes empresas do país), elaboración das contraetiquetas (que aínda non están impresas), aprobación de embalaxes, etc.

Pero, como dicía ao comezo, algo está pasando e non ten moi boas trazas. Hai tempo que algúns produtores deixaron de empregar “Tarta de Santiago” para rotular os seus produtos como tarta de almendra , como é o caso de Casal Cotón (probablemente quen máis tartas vende en Santiago) ou especial Camino de Santiago, que dende hai tempo utiliza Ancano, seguramente a principal produtora de toda Galicia, emprazada en Portomarín (Lugo). Ancano, xunto con Andrade, emprazada en Vilalba, son as dúas grandes produtoras de Galicia, comercializando tartas con marcas propias e elaborando tamén para outros que se limitan a comercializar, como é o caso de Casal Cotón. O seu emprazamento na provincia de Lugo é a causa de que a IXP abranga todo o territorio de Galicia no canto de circunscribirse á área de Compostela, como parecería lóxico.

A última novidade, polo menos que eu coñeza, é a Tarta del Apóstol, que no seu embalaxe destaca a porcentaxe de améndoa empregada: 43 por cento. Como aínda non a probei non sei se estamos ante unha tarta de Santiago que puideramos considerar premium ou fronte a outra cousa diferente.

Finalmente, Ancano está a realizar nestes días publicidade na radio na que anuncia as súas tartas de améndoa como semellantes ás de Santiago.

¿Por que se empeñan algúns produtores importantes en potenciar a tarta de améndoa no canto da tarta de Santiago?.

Eu non teño a resposta, pero tampouco entendo cómo é posible que empresas con investimentos millonarios e ducias de traballadores en nómina sexan tan curtas de vista e non se dean conta de que con esta actitude poden estar cavando a súa propia tumba.

Entre unha tarta de Santiago e unha tarta de améndoa hai algunhas notables diferenzas: coa posta en funcionamento da IXP Tarta de Santiago, recoñecida pola Unión Europea, so poden empregar esa denominación as producidas en Galicia, para as que tamén queda reservada a habitual decoración das mesmas cunha cruz de Santiago realizada con azucre moído. Pola contra, a tarta de améndoa pódese producir en calquera sitio, xa que a fórmula non é un segredo nin está protexida por ningunha patente. China, por exemplo, podería producir tarta de améndoa, decorala con azucre moído no que se debuxe un símbolo tan vencellado a Santiago como é a vieira (co a que algúns produtores de fora de Galicia xa están substituíndo a cruz), e inundar o mercado español con tartas máis baratas que as producidas aquí. ¿Cantos produtores galegos pensan que ían resistir?

Ademais China, ou Turquía ou calquera outro país con materia prima e man de obra barata, podería abaratar máis aínda as tartas substituíndo améndoa por fariña de trigo, batata ou esa margarina que a Unión Europea rexeitou porque cando se inventou a tarta de Santiago non existía esta graxa e polo tanto non pode formar parte da fórmula orixinal.

Remato cunha recomendación para compradores de tarta de Santiago: segundo o presidente do Consello Regulador é practicamente imposible poñer tartas no mercado, cumprindo os requisitos da IXP, a menos de 12 euros/quilo de prezo de venda ao público. Antes de mercar bote contas.

One thought on “Tarta de Santiago versus tarta de almendra

  • 23 de Agosto de 2010 at 12:02 12Mon, 23 Aug 2010 12:02:16 +000016.
    Permalink

    Aínda sendo verdade todo o que dí, coma sempre, penso que en todo esto das proteccións de orixe existe sempre un risco de enfoque: considerar a figura baixo un prisma defensivo, que adoita non nos levar a ningures. Vexa se non a estéril loita por impedir o emprego de variedades como o albariño nos viños foraneos.
    Ao meu modo de ver a única maneira de termos éxito coa IXP Tarta de Santiago, ou coa DOP Pemento de Herbón, ou coa Rías Baixas, é simplesmente conseguir que o consumidor (ou moitos dos consumidores)perciba o produto como algo diferenciado no seu sabor e/ou calidade, e que por iso sexa quen de pagar un sobreprezo. E para iso cómpre simplemente iso: que o sabor/calidade sexa diferenciado e non unha simple cuestión de marquetin ou de protección cun selo.
    O resto dos consumidores seguirán a facer o que con todo: a comprar sucedáneos, pero nese caso sabendo que o son, tal como pasa co caviar e as ovas de lumpo. E teñen dereito, e mesmo está ben.
    Por último, unha reflexión: o que está a pasar coa Tarta de Santiago é paradigmático do que somos e de como facemos as cousas os galegos: poucos e mal avenidos. Iso en Italia non pasa.
    Saúdos.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *