Unha illa de tintos nun mar de brancos

Terra do Xuliana

Rubiós, unha parroquia do pontevedrés concello das Neves, é un deses “sitios distintos” que se atopan polo país adiante. Polo menos no que fai referencia aos viños. Incluída na denominación de orixe Rías Baixas, Rubiós é unha pequena illa de tintos nun inmenso mar de brancos.

A inmensa maioría dos consumidores de viño saben que os das Rías Baixas son brancos elaborados coa variedade autóctona “albariño”, cuxo nomee moitas veces suplanta ao da propia denominación de orixe.
Algúns deses afeccionados saben ademais que en zonas do sur de Pontevedra a variedade albariño compleméntase con outras como a loureiro, a caíño e a treixadura. O Rosal é a máis coñecida destas zonas e, en menor medida, o Condado do Tea. E no medio do Condado, Rubiós conserva a súa tradicional produción de tintos, acollidos á denominación de orixe Rías Baixas o mesmo que os albariños.

A vocación da parroquia pola produción de tintos é esmagador. “Todo o que se produce en Rubiós é tinto”, asegura Antonio Méndez, presidente e xerente da adega Coto Redondo, emprazada en Rubiós e coa mesma vocación cara aos tintos que ten a zona. Algunha cepa branca pódese ver no medio das tintas que dominan a paisaxe, pero son casos illados e empréganse unicamente para a produción de brancos para consumo propio. “Ao estar entre as tintas non maduran bastante e non collen o grao necesario de azucre para a adega”, di Méndez.

Sempre tintos

Rubiós sempre produciu tintos caseiros que tiñan moi boa saída no seu contorno, polo que durante moito tempo non foi necesario realizar grandes cambios no tipo de produción, a pesar de que fai xa tres décadas que algúns viticultores da zona intentaron modernizalo. A cousa madurou cando en 2005 Coto Redondo compra a marca “Señorío de Rubiós”. Foi o momento no que os naturais da parroquia reaccionaron formando unha cooperativa certamente peculiar. Entre os requisitos indispensables para formar parte dela é ser natural de Rubiós ou ter viñedos na parroquia. Ademais hai que ser produtor de tintos, aínda que se aceptan socios que tamén teñan brancos noutras zonas.

A cooperativa produce uva tinta e foi o xerme da adega Coto Redondo, constituída baixo a figura xurídica dunha sociedade limitada, que consideraron máis idónea. A cooperativa que produce a uva ostenta unha parte do capital social da adega, da que tamén son socios, a título persoal, os cooperativistas. Finalmente, e co obxectivo de producir brancos e non só tintos, entraron no capital da adega outros socios que achegan uva branca e tinta mencía. O requisito neste caso é que a uva destinada á produción de brancos proceda toda do Condado do Tea.

“A cooperativa produce uva das variedades sousón, que aquí coñecemos como retinto, espadeiro, caíño e pedral, xa que esa uva só a temos aquí e no norte de Portugal”, indica Antonio Méndez.

Actualmente a adega ten no mercado cinco marcas de tintos, que corresponden a un viño monovarietal sousón, un condado elaborado con mestura de sousón, espadeiro, caíño, pedral, mencía, loureira tinta e brancellao, un monovarietal mencía, feito con uvas desta variedade procedentes do Condado do Tea e criado en barricas de carballo francés, un viño de maceración carbónica que saíu ao mercado na colleita de 2009 e un condado tinto barrica criado doce meses en barrica de carballo francés.

“Como sabiamos que os tintos ían ser difíciles de introducir no mercado, no capital da adega deuse entrada a socios de fóra de Rubiós para producir branco”, di Méndez.

A cooperativa elabora tres brancos: monovarietal albariño, condado branco (albariño, treixadura, loureira branca, godello e torrontés) e coas mesmas variedades un condado branco criado en barrica carballo francés durante oito meses.

O que distingue ao condado branco do resto de brancos da denominación de orixe Rías Baixas é o emprego preferente da variedade treixadura. Mentres no Salnés dominan os monovarietais albariños e no Rosal mestúrase preferentemente albariño con algo de caíño e loureiro, en Rubiós empregan ata un 80 por cento de treixadura cun 15 por cento de albariño e o resto godello e loureiro.

Ata nos brancos son diferentes os de Rubiós, unha illa tinta nun mar de brancos.

O primeiro premio na Festa do Albariño concedido a un viño de Rubiós trouxo á miña cabeza a reportaxe que publiquei en Galicia Gastronómica aló por 2006 ou 2007, e que xa non está na rede. Recupero aquí, convintemente actualizada, aquela reportaxe

5 thoughts on “Unha illa de tintos nun mar de brancos

  • 05 de Agosto de 2010 at 09:22 09Thu, 05 Aug 2010 09:22:46 +000046.
    Permalink

    Muy interesante! En mi fuero interno ya sabía que alguien debía producir vinos tintos en Galicia aunque no me los encuentre en las estanterías al ir a comprar. Además, toda la historia de como y porqué lo hace aún más interesante.

    Un saludo.

    Reply
  • 05 de Agosto de 2010 at 09:49 09Thu, 05 Aug 2010 09:49:52 +000052.
    Permalink

    starbase, en todas las denominaciones de origen gallegas se producen vinos tintos de gran calidad. De hecho Ribeira Sacra es más conocida por los tintos que por los blancos (que también produce). Y hai tinto en Ribeiro, en Valdeorras y en Monterrei. En Rías Baixas Rubiós es un caso curioso, pero también se producen tintos en la subzona del Salnés.
    El problema es que la fama de Galicia como productora de blancos oculta todo lo demás.

    Reply
  • 06 de Agosto de 2010 at 12:14 12Fri, 06 Aug 2010 12:14:07 +000007.
    Permalink

    Gracias, desde luego en la distáncia yo no lo sabia. Un saludo.

    Reply
  • Pingback:Capítulo 0 » Señorío de Rubiós: o potencial dos tintos do Condado

  • Pingback:Señorío de Rubiós sacará al mercado el primer espumoso tinto gallego

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *