Cunqueiro 1

Cunqueiro tiña moita imaxinación” escoito con certa frecuencia entre xentes do mundo da gastronomía referíndose á obra culinaria do escritor de Mondoñedo. O malo é que esa frase se pronuncia cun certo desprezo, como se a imaxinación non tivera valor algún na cociña e na gastronomía.

Habitualmente son xentes que so buscan rebaixar a importancia da obra de Cunqueiro, dando a entender que o que conta é máis froito da imaxinación do mindoniense que da realidade ou do seu coñecemento. En realidade o que fan é demostrar o seu descoñecemento profundo da obra de Cunqueiro, tan profundo como o de aqueles que o reverencian coma o gran creador da cociña galega (tamén lle teño lido a algúns lumbreras que o creador da cociña galega foi Picadillo).

A obra gastronómica de Cunqueiro é prodixiosa. Lamentablemente, moitos non coñecen máis que La cocina cristina de occidente ou A cociña galega. Outros chegan ata Viajes por los montes y chimeneas de Galicia, que é o título con que Austral publicou o que Cunqueiro e Castroviejo publicaran antes como Teatro venatorio y coquinario gallego. A meirande parte dos gastrónomos, gourmets ou como lles queiran chamar, paran aí. E perden as mellores páxinas culinarias do gran mestre de Mondoñedo, que se atopan nos seus artigos xornalísticos, nas súas novelas (Merlín e Familia é unha auténtica enciclopedia da cociña lucense de mediados do século XX), nos seus relatos, todos eles cheos, certo, dunha imaxinación desbordante… excepto no relacionado coa cociña. Se cadra, a única novela chea de imaxinación culinaria é Se o vello Simbad volvese ás illas, no que podemos atopar cousas coma os allos recheos de sangue de pichón, o caramelo de leituga ou o revolto de ovos con caraveis, que no seu tempo eran unha loucura… e hoxe non tanto.

A gastronomía e a cociña están sempre presentes na obra narrativa de Cunqueiro, así que o mestre de Mondoñedo nos vai dar para moito falar. No seu teatro e na poesía, pola contra, desaparecen.

3 thoughts on “Cunqueiro 1

  • 07 de Xullo de 2010 at 15:16 03Wed, 07 Jul 2010 15:16:59 +000059.
    Permalink

    Yo soy muy ignorante, y no es que esté precisamente orgulloso de ello.

    Pero el tiempo y las facultades me dan para lo que me dan y no para más. Así que este artículo me ha servido para mirar a Cunqueiro de otra manera. Lo conozco muy superficialmente, vivo lejos en Barcelona y no llego a todo, pero desde luego su nombre y su importancia si las conocía. Ahora bien, esas locuras ejemplares del final del post son tan grandes y bellas…

    ¡Ajos rellenos de sangre de pichón!

    solo me queda agradecerle las pinceladas de cunqueiro que nos ha regalado. Un saludo.

    Reply
  • 07 de Xullo de 2010 at 20:04 08Wed, 07 Jul 2010 20:04:56 +000056.
    Permalink

    Lembro a Cunqueiro como un señor de gafas que tomaba chiquitas na de Elixio e non paraba de falar. Eu ía alí de moi neno, da man do meu pai, pero só me daban un kas de limón 🙂

    Reply
  • 08 de Xullo de 2010 at 16:21 04Thu, 08 Jul 2010 16:21:16 +000016.
    Permalink

    Pois seguro que podía, Esedidió, contarnos algunha lembranza daquel tempo.
    Eu so podería contar daquela tarde en Mondoñedo cando paseba con dúas irmás da vila, compañeiras de estudos no instituto. De súpeto unha delas comezou a berrarlle a un home “tío, tío”. E aló fomos os tres darlle a benvida ao tío das miñas amigas, que non era outro que Cunqueiro. Ao ano seguinte marchei a Madrid, estudar xornalismo, e non tiven oportunidade de volver saludalo.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *