A mesa do Presidente

Di Óscar Caballero en La dietAtlántica, ese libro sobre o que moito haberá que falar, que Valéry Giscard d’Estaing, daquela presidente da República Francesa, empurrou o que puido pola Nouvelle Cuisine, que acabaría converténdose no referente mundial dá década dos oitenta.

Non sei se Giscard o fixo por consideralo cuestión de estado ou, sinxelamente, porque lle gustaba a boa mesa.

Presidía entón o goberno español Adolfo Suárez, de quen se decía que se alimentaba a base de tortillas francesas, polo que mal podían agardar os cociñeiros españois un respaldo coma o francés. Daquela en Madrid triunfaban restaurantes coma Mayte Commodore (díxose que Gutiérrez Aragón se inspirou na súa historia para a película La mitad del cielo, con banda sonora do grupo galego Milladoiro), Casa Lucio e os seus ovos fritos ou o discreto El Landó, onde dicían que con frecuencia recalaba o Rei.

¿E despois que?. Pois semella que pouca cousa. Se cadra foi Felipe González o presidente que máis atención lle prestou á gastronomía, levando de cando en vez aos cociñeiros máis recoñecidos da época á Moncloa. Paréceme lembrar que ata Toñi Vicente estivo nalgunha ocasión por alí, pero agora non son quen de afirmalo con rotundidade.

Da época de Aznar posiblemente o único destacado sexa a potenciación do viño da Ribera de Duero, como ben di Caballero, e de Zapatero o certo é que pouco sabemos. Podería terse convertido no voceiro do botillo do Bierzo, pero o posto estaba xa copado polo xornalista radiofónico Luis del Olmo.

En Galicia o único presidente que destacou en certa medida polas súas afeccións culinarias foi Manuel Fraga. Con frecuencia deixábase ver por Casa Vilas, nunha época de esplendor para o restaurante compostelán, pero tampouco lle facía ascos á cociña de Toñi Vicente, inda que da época de Fraga posiblemente o máis beneficiado de tódolos restaurantes galegos fora o Carretas, que daquela rexistraba, na hora de comer, unha das maiores concentracións de conselleiros e directores xerais do mundo.

Despois chegou Touriño e, nun país no que o turismo é unha industria de importancia e ao que os turistas veñen, sobre todo, a comer, deixou unha frase inesquecible: “a min non me verán nun restaurante de luxo“. Creo que sobran dedos dunha orella para contar os restaurantes “de luxo” que temos en Galicia, así que a frase foi máis ben desafortunada.

Feijoo chegou hai un ano sorprendendo a moitos en varias festas gastronómicas, antes e despois da toma de posesión da Presidencia da Xunta. Non son esas as citas máis representativas da gastronomía galega evidentemente, pero por algo se empeza. E se acaba.

No que vai de ano a única vez que coincidín cun conselleiro da Xunta nun restaurante foi, non hai moito, coa titular de Sanidade. Na Bodeguilla de San Lázaro, chea de funcionarios comendo. A conselleira daba ese día boa proba da austeridade que predica a Xunta nestes tempos de vacas fracas. Pero non estaría de máis que o Presidente se deixara ver de cando en vez por algún dos moitos e bos restaurantes do país. So o criticarían os que non entenden que iso, feito con cabeciña, é un investimento, non un gasto.

One thought on “A mesa do Presidente

  • 24 de Xuño de 2010 at 13:19 01Thu, 24 Jun 2010 13:19:53 +000053.
    Permalink

    non ten que ver co post, pero aviso a navegantes,
    o parecer o restaurante Caney abreu un blog na paxina http://www.caney.es, polo que me comenta un amigo que traballa de camareiro, teñen pensado ir actualizando semanalmente o mesmo con recetas e actividades do restaurante, o parecer, o novo cociñeiro que teñén está empeñado en volver a facer do Caney un referente de Santiago.
    Comín dúas veces no último mes alí, e a verdade e que a mellora é moi notable a anos atrás, incluso que con Pedro Roca, vense preparacións máis técnicas na pizarra do día e as presentacións moi cuidadas, e as últimas xornadas mexicanas, foron na miña opinión as mellores que fixeron,e acostumbro a ir a case todas, espero que deixen facer a este cociñeiro, xa que é un sitio moi agradable para comer que nos últimos anos caera na mediocridade total.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *