Padre Benito, taberna en Compostela

O que queira beber viño,
branco e tinto do ribeiro,
que veña ao Padre Benito
que tén do verdadeiro
.

Aló por 1946, na revista Finisterre escribía Álvaro Cunqueiro a súa Introducción a una historia de las tabernas gallegas, que acompañaba coa semblanza da de Póngalas que ata non hai moitos anos abría as súas portas no mindoniense barrio dos Muíños, o Casal de Acuña, o Pozo do Goiro, o Chigre de Lorito e Padre Benito, esta na moi compostelana rúa da Raíña.

Non sei eu, que son compostelán laboral (nin a residente chego) por que parte da Raíña estaría este Padre Benito, pero agradecería dos composteláns de antano calquera información ao respecto. Nin sei tampouco que sería das cuncas 22 e 23, as que empregaban Cunqueiro, segundo as súas propias palabras, e o escultor Eiroa, para beber “ribeiro tinto casi siempre. Por veces traían una barrica de treixadura y entonces nos entregábamos a aquel blanco ilustre“. Todo nunha Compostela na que, segundo o mindoniense, “el ribeiro es el quinto elemento de un cosmos cuya piedra clave se llama el milagro“.

Xa non hai Padre Benito e cuncas poucas (eu propuxen hai un ano, apoiado na barra dun bar da rúa Rosalía de Castro, a súa resurrección, pero sen éxito, así que me sumo agora á iniciativa de Gago, a ver se a el lle van mellor as cousas). Pero segue a haber treixadura e bares abondo por Santiago onde probar o viño e as tapas, que nestes días do Santiago(é)Tapas se visten coas súas mellores galas, cousa que ben poden apreciar na web do concurso.

Habíalle gustar a Cunqueiro ver as barras de Compostela adornadas por deliciosos manxares da terra, do mar e do cortello. E non se había conformar nestes días co bocadillo de sardiña en escabeche que tivo que comer no Padre Benito.

¿Posible relación entre Padre Benito / Los Sobrinos del Padre?

Entrevista en Cadena SER a Lucía Freitas, ganadora de Santiago(é)Tapas 2009

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *