Pementos de Herbón e patacas cocidas, ao gusto de Cunqueiro

Vendedora de pementosOs primeiros pementos amparados pola denominación de orixe protexida Herbón xa están no mercado, envasados pola cooperativa A Pementeira.

Como escribía Álvaro Cunqueiro hai máis de trinta anos “Dende hai uns anos, aumentou en Galicia o gosto polo pequenos pimentos franciscáns, de Herbón, que agora volos dan fritos en toda parte, soios como ‘tapa’, ou garnindo carne, ou acompañando un cocido“. Cunqueiro, que denomina a este pementos como “de Herbón, ou de Padrón, ou de Santiago, -que é coma comunmente son coñecidos en Galicia-“ discurre sobre o viño que mellor lles vai e chega á conclusión de recomendar un tinto lixeiro, non sen antes indicar que “Coma se vasea xeneralmente con branco, a tapa de pimentos vai con éste, craro“. Hoxe o vaseo faise tanto con tinto coma con branco, así que o mestre de Mondoñedo estaría hoxe satisfeito de rolda polas tascas de Padrón. Reparen que hai pouco máis de trinta anos os pementos fritos acompañaban ao cocido en Galicia, segundo di Cunqueiro.

Trinta e tantos anos despois de que Cunqueiro escribira o dito, os pementos de Herbón seguen sendo destinados preferentemente á tixola, inda que algúns cociñeiros como Marcelo Tejedor os sublimaron ao incorporalos ao caldo de pementos que acompaña a súa pescada con pilpil de limón, prato elixido como un dos iconos da primera década do século XXI. Outros, como Pedro Roca, elaboran un prebe picante cos últimos pementos de Herbón, cando xa rabean.

Pero este ano eu vounos probar como indica Cunqueiro que lle gustan, porque me parece unha idea sensata, moi galega e, sobre todo, moi saborosa. Di Cunqueiro: “Estas merendando unha pimentada, e no aceite de fritir os pimentos, que xa dixen que se lles bota sal da gorda, rebañas cun anaco de pataca, e o prebe apégaselle a ésta unha area de sal, que ben á boca, e todo aumenta de sabor, ven ao noso paladar algo de fondo, i esquisito, que non ousas borralo cun  grolo de viño. Son eses intres ‘chüen’ dos ‘gourmets’ da vella China, que Ezra Pound ademiraba coma algo de indudabre poética calidade e camiño do éstasis“.

NOTA: como se aproxima o centenario do mestre Cunqueiro, de cando en vez traerei a Colineta asuntos relacionados con él e os seus textos culinarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *