Festa mexicana en Caney

Cita un México e a súa cociña e inevitablemente a xente alegra a cara e comeza a festa, así que hoxe no restaurante Caney, en Santiago de Compostela, houbo festa da boa na comida de presentación á prensa e blogs gastronómicos de Compostela da Semana gastronómica mexicana que vai ter lugar no mesmo do 24 ao 29 de maio próximos.

Tratándose de cociña mexicana e dada a pandilla que alí se xuntou, a festa era inevitable. Xurxo Fernández (El Correo Gallego) bástase para animar unha lexión de romanos tristes, pero se ademais acompaña Xosé Manuel García (Radio Galega), sucede o inevitable: todo o mundo o pasa ben. Pola parte dos blogs o mellor de Compostela: Sole (La Caja de los Hilos) e Berta (El sabor de lo dulce). E para equilibrar a balanza, xornalistas de día e bloggers de noite (ou ao revés, quen sabe) Gago (Capítulo Cero) e máis eu.

Claro que a festa non sería tan animada sen as cervexas mexicanas e o menú saído das cociñas de Pedro Lestón: quesadilla, guacamole, enchilada, ceviche, nachos, alita jalapeña, langostinos endiablados, mole poblano de pollo e cajeta de ananás. Do 24 ao 29 todo esto por 28 euros. A festa terán que poñela vostedes.

Detalles en Capítulo Cero. As apreciacións sobre o picante son sempre moi personais. A min non me pareceu que ningún prato picase especialmente.

2 thoughts on “Festa mexicana en Caney

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *