“Os tres NNN” de Alvaro Cunqueiro

Hoxe é 17 de maio, Día das Letras Galegas. Hai 147 anos publicábase na Habana a primeira edición de Cantares gallegos, obra de Rosalía de Castro que xa na primeira estrofa fala das cousas de comer:

Has de cantar,
que che hei de dar zonchos;
has de cantar,
que che hei de dar moitos.

A frase vai dirixida a una meniña gaiteiraá que na terceira estrofa se lle ofrecen boliños do pote, na cuarta unha proia da pedra do lar, e despois sopiñas con viño, torrexas con mel, patacas asadas con sal e vinagre. O Rexurdimento galego comeza cun canto ás cousas do comer e xa a comida, a cociña, os viños e a gastronomía non se separarían xamais da literatura galega. A quen non o crea convídoo hoxe a revisar a categoría “poesía” deste blog para descubrir unha escolma de poetas galegos que lle cantaron ás cousas de comer. ¡Ata unha Oda ao xamón temos!.

Pero sen dúbida é Álvaro Cunqueiro o literato galego de máis fonda relación co mundo da gastronomía pero, miren por onde, comezando o seu traballo polo mundo da poesía, é a poética, xunto coa dramática, a única parte da súa obra que non ten contidos gastronómicos.

Así que aproveitando a sona de Cunqueiro e o Día das Letras Galegas, e mentres agardamos que chegue 2011, ano no que se conmemora o centenario do mindoniense, vou reproducir de seguido algúns fragmentos dun texto de Cunqueiro que poucos coñecerán. Datado en 1977 o texto non ten título e comeza cunha frase entre parénteses: (dun traballo aparecido no vran do ano 2010). O verán de 2010 está á volta da esquina, así que hoxe é bo momento para recuperar ese texto, no que Cunqueiro fabula co futuro de Galicia, co que será a nosa terra en 2010. Non desesperen, as referencias gastronómicas están ao final.

Escribía daquela Cunqueiro (para publicar, xa dixen, no verán de 2010):

Dende que fora establecido un goberno galego, coidouse moi especialmente por este dunha descentralización que fose reducindo no posíbel o poder do Estado e a súa presión sobre a sociedade galega. Foron protexidos os intentos de dar a cidades, vilas, bisbarras, e parroquias novos xeitos de rexerse, deixando instalarse aqueles que eran apoiados pola maioría, e que en todo caso cubrían as necesidades da poboación afectada

“A economía estaba basada nas estadísticas e nos agoiros, que correxían a estas, e moitas veces os agoiros serviron moito máis que as estadísticas”.

“Cando se escriben estas liñas, a meirande preocupación do poder galego era averigua-la cantidade de dita, de felicidade, de confort, que é preciso inxerir na vida cotiá do galego. Experiméntase que o uso a cotío, e a todo nivel, do seu idioma polo galego, contribúe dun xeito considerábel á aparición no seu ánimo dun estado de satisfacción.

“Finalmente, atento o poder ó aumento da capacidade de pensamento e de expresión do pobo, fíxose unha grande e eficaz política de melloramento dos nosos viños. Aínda que se correse o risco de aumentar en exceso a capacidade de ensoñación e fantasía do pobo. Quizais sexa debido a este cambo de viño, o que o galego aceptase, a partir do ano 2002 a política chamada de novas estruturas, e que popularmente é coñecida por “os novos na nova terra” ou “os novos na nova”, os tres NNN“.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *