Os tribunais anulan o regulamento da DOP Mexillón de Galicia

Hoxe espertamos cunha noticia realmente grave para o sector do mexillón galego e das denominacións de orixe en xeral: segundo informa Faro de Vigo, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou o regulamento da Denominación de Orixe acusando á anterior Consellería de Pesca non ter en conta para a elaboración do mesmo as opinións de Anfaco, a maior asociación de fabricantes de conservas do país.

¿Agora que? É a pregunta que está no aire, tanto como a Denominación de Orixe. ¿Bastará con elaborar un novo regulamento e comunicalo á Unión Europea ou haberá que iniciar desde o principio a tramitación da que foi a primeira denominación de orixe dun produto do mar?.

Se estas incertezas son importantes, máis o é aínda saber se volverá renacer o vello debate entre DOP e IXP que se deu durante o proceso de creación de Mexillón de Galicia.

Os produtores galegos de mexillón e a administración galega apostaron decididamente pola DOP, mentres outros preferían unha IXP.

A gran diferenza é que a IXP permitiría o emprego de mexillóns procedentes de Chile, China ou calquera outra parte do mundo que sairían das conserveiras galegas coa etiqueta “IXP Mexillón de Galicia”.

Non esquezamos que a DOP esixe que todo o proceso de produción, elaboración e transformación se realice en Galicia, mentres que a IXP só obriga a que unha parte dese proceso se realice aquí. Por exemplo o envasado. Poderían envasarse como IXP Mexillón de Galicia mexillóns cultivados, cocidos e conxelados en calquera parte do mundo.

Xa veremos en que acaba todo isto.

4 thoughts on “Os tribunais anulan o regulamento da DOP Mexillón de Galicia

  • 12 de Maio de 2010 at 12:15 12Wed, 12 May 2010 12:15:31 +000031.
    Permalink

    Na miña opinión, a cousa non é tan grave nin moito menos. Vexamos: a DOP Mexilón de Galicia conta con inscrición comunitaria dende setembro de 2007 (moito antes contaba xa con amparo estatal). Dende entón, cantos kilos de mexilón con DOP veu vostede nos andeis? eu ningún. Algo escoitei por algures de que había unha fábrica que elaboraba conxelados, ou baleiro, ou algo así, pero produto o que se di produto non hai. Supoño que sería cuestión de investigar que carallo pasa cunha DOP sostida con cartos públicos e cunha sede, e un consello regulador, e uns soldos, que non certifica produto dende hai polo menos tres anos. Pero ese é outro conto.
    No tocante ao de que se é IXP córrese o risco de envasar mexilón foráneo como galego, sinto discrepar. Por non extenderme, na miña opinión iso é imposíbel e non resistiría a proba da inscrición. Ben é certo que a normativa das IXP (a diferenza das DOP, como moi ben sinala) permite o amparo baixo unha IXP dun produto obtido fóra dun territorio e elaborado nese territorio, pero sempre e cando o significativo e diferencial dese prouduto sexa a elaboración. Sería por exemplo o caso da Tarta de Santiago, elaborado con améndoas e azucre de fóra (dado que aquí non hai). No caso do mexilón resulta evidente que o significativo é a materia prima e non o proceso de envasado, e así debería figurar no regulamento a aprobar. O que si podería ocorrer é que, por cuestións de defensa da competencia, se permitira o envasado de mexilón galego fóra das nosas fronteiras baixo o abeiro da IXP.

    Reply
  • 12 de Maio de 2010 at 12:45 12Wed, 12 May 2010 12:45:35 +000035.
    Permalink

    Completamente de acordo con vostede en que o mexillón DOP está desaparecido. Pero non tanto no da IXP. Evidentemente, nun mexillón ao natural o relevante é o mexillón, pero o habitual é que os mexillóns se envasen en escabeche, en salsa de vieira, etc., e aí alguén podería argumentar que o relevante é o traballo do salseiro, xa que co mesmo mexillón dúas conserveiras diferentes poden obter mexillóns en escabeche ben distintos. Se despois o complicamos con “mexillóns en escabeche con cebolas de Sanxenxo ao albariño do Salnés” a cousa empeza a mirarse doutra maneira.
    Sexa como sexa, creo que o pau á DOP Mexillón de Galicia vai ser forte. E iso se non sae alguén poñendo en solfa tódalas denominacións e indicacións xeográficas galegas.
    En calquera caso, preferiría darlle a vostede a razón e que o asunto non fose tan grave.

    Reply
  • 12 de Maio de 2010 at 14:47 02Wed, 12 May 2010 14:47:21 +000021.
    Permalink

    De acordo co que dí, pero só un matiz: a admisión de mexilón foráneo dentro da IXP dependerá única e exclusivamente de que se recolla ou non no Regulamento. Se ben en teoría o Regulamento é redactado polo sector, na práctica é a Administración autonómica quen determina os contidos, quen o aproba e quen o envía a Bruxelas. Aínda que todos estamos curados de espantos, cústame moito traballo crer que poda ocorrer que o Regulamento (ou sexa, a propia Xunta) admitise esa posibilidade, ao natural ou en conserva.

    Reply
  • 12 de Maio de 2010 at 14:51 02Wed, 12 May 2010 14:51:57 +000057.
    Permalink

    Esquecía: na miña opinión, se a modificación é de DOP a IXP, o proceso tería que comezar de novo dende o inicio, co agravante de que despois da aprobación no 2007 produciuse unha modificación da normativa comunitaria, o que complicaría aínda máis o procedemento. Para que a modificación do Regulamento da DOP fora admitida por Bruxelas, dependería do seu alcance, pero en principio non debería de haber problemas se non son modificacións de moito calado.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *