Antonio, o dos queixos de cabra

Agora falaremos do queixo, ¡non?“. Con esa frase, que seguiu a un longo discurso sobre a vida no campo coas súas cabras e precedeu a outro non menos longo sobre os queixos que elabora co leite das mesmas, Antonio Dacuña sacou a enésima gargallada dos asistentes ao taller do Forum Gastronómico de Santiago no que se presentaba o proxecto Granxa Familiar, taller que tiven o privilexio de presentar e no que Iago Castrillón (restaurante Ácio, Santiago de Compostela) realizou diversas preparacións co que queixo de Antonio e con carnes e verduras doutros produtores asociados a Granxa Familiar.

Antonio é unha desas persoas entusiasmadas co seu traballo como gandeiro, pastor e queixeiro, por moito que se dedique a este traballo dende hai so uns anos, xa que antes fora torneiro e soldador.

Hoxe leo en Galicia Gastronómica, ese portal que eu montei en 2006 e deixei en 2007 e que ultimamente está a sufrir grandes altibaixos, que Antonio Dacuña prepara un cambio importante nos seus queixos: no verán incorporarán a contraetiqueta do consello regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

Pero Dacuña non se conforma con levar as cabras a pastar polos montes do parque natural do Xurés, así que recibe na súa explotación a quen queira ir visitalo e amósalle o seu ecomuseo, vende mel e castañas da zona e ata abono procedente das súa cabras. Paga a pena pasar polo Xurés para coñecer a Antonio e probar os seus produtos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *