Que Baco reparta sorte

¿Que tal se nos xuntamos cinco amigos (vale ata oito) para tomar uns viños e pasalo ben? ¿E que tal se ademais podemos conseguir un agasallo e ata unha viaxe de luxo polas tres denominacións de orixe históricas do Camiño de Santiago: Burdeos, Rioxa e Ribeiro?.

Todo iso, e moito máis, é o que proporcionará a un montón de xente o segundo Concurso de Cata entre Amigos, convocado por Viña Costeira e cuxas bases se poden ver na web da adega.

En 2009 participaron no concurso 2.000 persoas integradas en 170 equipos, proclamándose finalmente campión un equipo de Nigrán (Pontevedra), que na final estivo representado por tres mulleres. (Volvo a dicir que o éxito das mulleres en Galicia debería resultarnos preocupante aos home. Anotación na axenda: pedir cita no xastre para facer unha faldra escocesa, a ver se consigo que se me pegue algo).

O equipo campión, así coma os que representaban ao resto de cidades participantes, e algúns convidados, tivemos ocasión de probar a dieta galega anunciada pola adega, que tampouco foi mal premio para os que non participamos daquela no concurso.

Este ano poderán participar na Cata entre Amigos xentes das sete cidades galegas, Carballo, Xixón, Oviedo, Madrid, Barcelona, Málaga, Alacante, Murcia e Nova York.

Basta con xuntar un grupo de entre cinco e oito amigos e inscribirse a través dun dos bares que participen no concurso (en breve haberá unha lista na web, ao lado das bases, segundo indica o xerente da adega, Argimiro Levoso). Despois a pasalo ben e que Baco reparta sorte.

Entrevista a Argimiro Levoso en A vivir que son dos días Galicia (Cadena SER).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *