Freces, un prato rescatado do esquecemento

Entrevista a Luis Lindín, A Vivir que son dos días Galicia (Cadena SER). 13 de marzo de 2010

Por terceiro ano consecutivo no concello da Pastoriza celebran a Festa das Freces e a Bóla de Liscos. Un dos seus organizadores, Luís Lindín, explícame na Cadena SER que súa avoa facías freces con manteiga que poñía a derreter nunha cazola. Cando estaba líquida engadía un amasado de ovos e fariña e íao cocendo e desmigando ao mesmo tempo. Cocido o amoado de ovos e fariña, engadía pan mollado en leite e seguía cocendo.

Tomábase quente, cun algo de mel ou azucre, polo medio da mañá. Eran as deces como dixo Luís.

Sobre as freces souben por primeira vez a través de Álvaro Cunqueiro e o seu Merlín e familia, a primeira obra de narrativa do escritor mindioniense, publicada en 1955.

O que vai a continuación é o que eu escribín en A cociña do Merlín que en 2005, medio século despois de que a mesma editorial publicase a primeira edición do Merlín, iniciou a colección Guías Galaxia.

FRECES CON OVOS

I en limpar o forno , soltar unha hora os cás na bouza por culpa dun golpe que nos viña ás galiñas, botarlle un canterlo a unha zoca, paséi a serán, i houbo de merenda freces con ovos, i en anoitecendo, como tiña mandado, funme apresentar a don Merlín, que estaba vestido de cazador.
Merlín e familia, páxina 52.

Despois deste serán que relata Felipe de Amancia e na que merendou as freces con ovos, chegaría a noite na que o criado acompañou a Merlín para desfacer o meigallo que convertera a dona Simona en cerva, episodio ó que xa nos referimos no capítulo dedicado ó polbo, que tal comera o espolique do demo na feira de Meira.

Segundo Eladio Rodríguez (Diccionario enciclopédico gallego-castellano. 1958-1961), as freces son “Comida que se hace con las borras de la mantequilla cocida, a las que se añade harina de trigo o pan migado y leche cociéndolo todo en una olla”. Segundo o propio Rodríguez, tamén se coñecen como feces e fretes.

E para feces o propio Eladio da outra definición, algo diferente da anterior: “Comida que se hace con la bola de harina de maíz que se echa para clarificar la manteca de vaca, cuando se cuece y las borras de ésta, a las que se añade más harina y agua”.

E ata inclúe unha terceira definición para fretes que tampouco coincide totalmente coas anteriores: “Comida que se hace con el poso de la harina de maíz que se echa a la mantequilla, una vez cocida, para clarificarla”.

Parece que a denominación que mellor se axusta á realidade é a primeira, na que se empregan as borras da manteiga cocida, fariña ou pan e leite.

Xosé Manuel Carballo Ferreiro confirma esta apreciación na súa obra Don Otto de viaxe pola chaira (Citania de publicacións. Lugo, 1993), cando escribe “Para a cea matara un polo campeiro a rosquilleira, que preparou en guiso con patacas, moi gustoso, por certo e, ademais, fixera unha fonte de freces. Chamabaselles así na comarca a unha especie de doce moi apreciado que non moitas mulleres sabían facer e que consistía en ovos e fariña fritidos na tixela cunha especie de escuma burbullenta que quedaba ó cocé-la manteiga. Estes doces caseiros non só sabían moi ben, senón que tamén mantiñan o seu”.

Tamén o escritor das longas barbas, que por moitos anos foi cronista oficial da cidade de Mondoñedo, Eduardo Lence-Santar y Guitián, fai referencia ás freces na súa obra Poesía galega. (Follas Novas. Santiago de Compostela, 1999. O libro recolle poemas de Lence escritos entre 1912 e 1957):

Vense por centos merendas
De lacón e de chourizos,
D’empanadas e de frebas
De torradas e de freces,
De millos e requesón.

Pero a receita actualizada das freces imos atopala no libro de Mariano García e Fina Casalderrey Repostería en Galicia. A receita que publican atribúena á avoa Andrea de Arzúa, sendo como segue:

“Receita das freces

Ingredientes:

O pouso que queda logo de cocer a manteiga

Azucre

Miolo de pan de millo

Preparación:

Unha vez cocida e coada a manteiga, o pouso que queda no recipiente onde se coceu mestúrase co miolo de pan de millo e azucre a gusto.

Ningunha outra información puidemos atopar sobre as freces, así que pasamos a outro asunto.”

5 thoughts on “Freces, un prato rescatado do esquecemento

  • 18 de Marzo de 2010 at 11:53 11Thu, 18 Mar 2010 11:53:02 +000002.
    Permalink

    As freces eran o capricho da miña avoa que facía para si mesma, dado que a ninguén na casa lle gustaban moito. Contame miña nai que o que facía era gardalas cimas do leite e poñelas a cocer, coalas e co líquido resultante mesturaba o pan duro; poñía o contido nunha tixola e cocía pouco a pouco ata que quedaban secas, botáballes azucre e comiaas con moito gusto. Sempre preguntaba se queríamos, pero, a min, aquel cheiro forte que quedaba no cociña, sacábame as ganas. Ela chamáballe freses, cousa rara tendo en conta que onde me criei (Boimorto) só temos seseo no final das palabras.

    Reply
  • 18 de Marzo de 2010 at 12:06 12Thu, 18 Mar 2010 12:06:51 +000051.
    Permalink

    Gracias pola aportación, pfgarea

    Reply
  • 18 de Marzo de 2010 at 15:11 03Thu, 18 Mar 2010 15:11:25 +000025.
    Permalink

    Ahhhhhhh! Que ricas!! Cando na casa aínda había leite de vaca de verdade gardábase a nata de despois de fervelo e con ela facíase manteiga. Quedaba ese pouso: as freces (que eu ata agora non sabía como se chamaban) e, como di pfgarea, mesturabámolas con azucre e aquilo estaba ben rico! Cantas veces me lembrei delas desde que non as como!

    Reply
  • 18 de Marzo de 2010 at 15:13 03Thu, 18 Mar 2010 15:13:23 +000023.
    Permalink

    Ai, que me esquecín antes! Eu creo que na casa ademais de azucre lle ponían tamén pan de millo desmigado.

    Reply
  • 25 de Marzo de 2010 at 14:33 02Thu, 25 Mar 2010 14:33:46 +000046.
    Permalink

    ¿son similares las freces al formigo?, o esté último se hace solo con migas de pan de trigo en oposición a los freces hechos con harina de maíz? Los formigos están descritos en el Picadillo y cuando yo era un chiquillo el hacerlos despues de cocer la mantequilla representaba siempre un lujo y una gran ansiedad para los pequeños esperando el momento de dsifrutarlos.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *