Arroces do Caney

Caney, restaurante do hotel Araguaney, converteuse nunha referencia en Compostela hai xa moitos anos grazas ás semanas dedicadas a diversas cociñas e produtos que botou entón a andar o cociñeiro Pedro Roca. As xornadas dos cogomelos foron moi sonadas, pero non menos as de cociña árabe, cociña mexicana ou as dos arroces.

Caney continúa, agora con Pedro Lestón nos fogóns, organizando periodicamente estas xornadas gastronómicas, e agora tócalle a quenda aos arroces.

Do 8 ao 13 de marzo próximos os amantes do arroz poderán relamberse coa oferta do restaurante compostelán, que fai unha chiscadela aos arroces orientais por medio do sushi e o dashi con fideos de arroz, aos risottos italianos e a Portugal a través dun arroz de bacallau. Galicia tamén está presente no arroz con leite da sobremesa.

Se prefiere deixarse levar, unha boa opción é o menú degustación, que inclúe sushi, dashi, arroz de bacallau, risotto e xeado de arroz con leite por 32 euros.

Onte tiven a oportunidade, na compaña de Manolo Gago e outros dous xornalistas composteláns, de probar os arroces do Caney. Fascinoume o arroz con bacallau, gustoume moito o risotto con boletos (un dos meus vicios) e foie e non tanto o arroz bryany con cordeiro, que me pareceu excesivamente acedo. Non puiden quedarme para a sobremesa, por eso quedei coas gañas de probar o arroz con leite de coco e escuma de mango que, segundo conta Gago, lle gustou a tódolos presentes.

Sempre que falo do Caney venme á cabeza un tema de Felix B. Caignet titulado “Frutas del Caney”, que cantaron maxistralmente o Trío Matamoros ou Compay Segundo, que nesta grabación fai de voz prima, cousa moi pouco habitual nel.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *