Do GastroLAB á fundación de El Bulli

Ferrán Adrià anunciou no Forum Gastronómico a transformación de El Bulli nunha fundación na que se traballe sobre a creatividade na cociña e as súas conexións con outras disciplinas artísticas.

Non puido elixir mellor lugar nin momento que o Forum Gastronómico de Santiago para o seu anuncio, precisamente na semana en que abre ao público o GastroLAB da Factoría Compostela, que tivo a súa estrea o pasado sábado co Merco e cociño de Marcelo Tejedor.

Ferran Adrià expuxo onte o mesmo concepto co que nace o GastroLAB, no que se mesturará a cociña de diario con estancias de cociñeiros traballando en conceptos innovadores e o traballo arredor da cociña doutros creadores relacionados con Factoría Compostela.

Adiantáronse á fundación de Ferrán” dicía onte durante a comida un xornalista gastronómico ao que lle contaba o proxecto do GastroLAB.

O novo espazo gastronómico da Factoría Compostela abre as súas portas ao público o próximo venres, 26 de febreiro.

Factoría Compostela, e a súa irmá Factoría Habana, é un proxecto de Concha Fontela froito da evolución do que foi a galería C5 (aberta en Compostela en 2003) e A Chocolatería (un espazo de creación artística na antiga fábrica de chocolates Raposo), no que se dan cita espazos expositivos e de creación en torno ás artes, incluíndo entre elas o audio e o video, así como a gastronomía a través do GastroLAB.

A Factoría conta tamén con residencia para artistas, cunha das mellores vistas de Compostela. Asomarse ás fiestras dun dos apartamentos instalados no faiado do edificio que ocupa faille a un sentirse o Quasimodo da catedral de Santiago, non por que un sexa feo e tolleito, se non porque semella que podemos tocar a Berenguela con so estirar un pouco o brazo. “Si me dejas vivir una semana en este apartamento te creo lo que quieras“, parece que dixo Albert Adriá o día que visitou o edificio, daquela en rehabilitación.

One thought on “Do GastroLAB á fundación de El Bulli

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *