Iconos de unha década

Sempre os alimentos galegos gozaron de gran reputación ao outro lado do telón de grelos. Os mariscos, os peixes, as carnes, as verduras, os viños, os queixos repítense no imaxinario popular español do exquisito.

Así que nos convertemos en exportadores dunha parte do mellor que tiñamos no país. Os madrileños seguen presumindo de que alí comen o mellor peixe de Galicia, por exemplo, pero seguen vindo a Galicia a comer marisco e peixe e descubrir que non é tan certa esa afirmación.

Tiñamos pendente conseguir que a nosa cociña tivese o mesmo prestixio entre as elites da gastronomía, porque a nivel popular non se cansa un de escoitar aos turistas que nos visitan o ben que se come en Galicia. A gastronomía está entre os primeiros atractivos turísticos de Galicia e no caso dunha cidade como Santiago de Compostela, que tanto ten que ensinar, é o segundo motivo da visita. Di sempre o alcalde da cidade que o 92 por cento dos que visitan Santiago teñen como segundo motivo da súa viaxe a gastronomía. Para o outro 8 por cento a gastronomía non está en segundo lugar sinxelamente porque ocupa o primeiro.

Dicía que estaba pendente prestixiar a nosa cociña entre as elites. E parece que pouco a pouco imos dando pasos importantes. Algúns tan importante como a presenza de Marcelo Tejedor na próxima edición de Madrid Fusión, participando nunha sesión que pretende reunir o mellor do mellor da década que remata. Titulado “Iconos de una década prodigiosa en la cocina española” reunirá a  Ferran Adrià, Sergi Arola, Hilario Arbelaitz, Juan Mari Arzak e Elena Arzak, Martín Berasategui, Quique Dacosta, Dani García, Andoni Luis Aduriz, Joan e Jordi Roca, Pepe Rodríguez Rey, Marc Singla, Pedro Subijana e Marcelo Tejedor.

A icona de Marcelo nesa sesión será a súa “Pescada de Celeiro con pilpil de limón e caldo de pementos verdes”, un prato redondo, perfecto, do que xa escribín noutras ocasións, un prato que xa en 2008 fora situado pola revista Vino+Gastronomía coma o cuarto mellor prato do ano.

Ver en Capítulo 0: Unha pescada entre os grandes

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *