Marcelo Tejedor, no resturante Ikarus (Austria)

O restaurante Ikarus seleccionou a Marcelo Tejedor (Casa Marcelo, Santiago de Compostela) para que da coñecer a súa cociña ao público austríaco e alemán durante o mes de febreiro de 2010.

As instalacións do Hangar-7, o complexo aeronáutico de Red Bull, aloxa, xunto con outras moitas cousas, ao restaurante Ikarus, asesorado por Eckart Witzigmann e Roland Trettl , no que se consagra cada mes do ano a un cociñeiro de talla internacional.Desde 2004 pasaron os cociñeiros máis representativos do mundo, algúns incluídos na lista San Pellegrino dos 50 mellores restaurante do mundo, como Alex Atala (D.O.M de Sao Paulo), Carlo Cracco (Cracco Peck- Milán), René Redzepi (Noma – Copenhague), Grant Achatz (Alinea – Chicago), Dani Garcia (Calima – Marbella), Xavi Pellicer (Abac – Barcelona), Ken Oringer (Clio – Boston) o Sergio Herman (Oud Sluis – Holanda).

En 2010, a representación española corre a cargo de Marcelo Tejedor (Casa Marcelo) e de Joan Roca (Celler de Can Roca), recentemente distinguido coa terceira estrela Michelín.

Roland Trettl estivo visitando Galicia no pasado mes de outubro para tomar contacto coa cociña de Marcelo Tejedor e acordar o menú que alí se ofrecerá durante todo o mes de febreiro, que integrará produtos como as algas de Portomuiños, a pescada de Celeiro, vieira de Galicia, patacas de Coristanco, fabas de Lourenzá, tenreira galega, porco celta e queixos do país.

Tamén cabe destacar que o menú será integramente acompañado con viños galegos como Pedralonga e Pazo de Señoráns (Rías Baixas), A Pola e A Lama (Ribeira Sacra) Guitián (Valdeorras). Nun esforzo por reproducir de xeito fidedigno a experiencia Casa Marcelo, confeccionarase in situ e a diario o pan galego coa mesma fórmula e formato que no restaurante. A este efecto enviaranse máis de 500 quilogramos de fariñas do país seleccionadas polo mestre panadeiro Eladio Pazos.

Máis de 1.500 reservas foron xa confirmadas e a previsión é de que unhas 2.500 persoas gocen da cociña de Casa Marcelo durante o mes de febreiro en Hangar -7.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *