Capón de Vilalba de cinco meses

Como cada ano, nos días previos ao Nadal, as páxinas dos xornais, e as radios e as televisións énchense dese gran espectáculo que supón a feira de capóns en Vilalba. O mellor que pode un facer no domingo anterior a Nadal é visitala.

A do capón de Nadal é unha tradición que ven de vello na nosa terra e que algún queren ver entroncada co noso pasado romano. Non sei eu se chegará tan atrás, pero hai máis dun século os capóns xa eran moi apreciados e ben pagados, inda que véxome no deber de deixar unha cousa ben clara: probablemente o capón sexa o máis barato dos manxares que un pode levar á súa mesa de Nadal, ou de Aninovo, como eu fixen hai tres anos. Certo é que un capón pode custar entre 80 e 100 euros, pero non menos certo é que del comen dez ou doce persoas. Boten contas.

Pero pasa o día e parece que Vilalba e os seus capóns desaparecen do mapa, cando dende 2004 a Asociación de Criadores de Capón de Vilalba traballa na súa desestacionalización identificando un tipo de polo e de crianza que permitira sacar ao mercado un animal que, cumprindo os estándares de calidade do de Nadal, fose máis pequeno e, polo tanto, máis axeitado á demanda de todo o ano.

O resultado dese traballo foi o denominado capón de cinco meses. Un polo castrado quirúrxicamente, criado en completa liberdade, alimentado con cereais e a herba, larvas e insectos que comen na finca e, como o seu nome indica, sacrificado aos cinco meses de vida, mentres os de Nadal se sacrifican aos oito meses.

Resulta un capón de carne tenra e celmosa debido á infiltración de graxa na súa masa muscular, característica que lle confire a castración e que non sucede nos polos campeiros sen castrar. O seu peso está entre os 3,5 e 4,5 quilos, mentres que os de Nadal superan os 4,5 e poden chegar ata 6 quilos (moi lonxe dos vinte quilos que lles atribúe unha web que quere representar a gastronomía de Galicia).

O domingo na miña casa comemos o capón de cinco meses da fotografía. Un agasallo de Capones Aurora, que polo momento é a única criadora vilalbesa que apostou por seguir producindo capón de Vilalba todo o ano. Sacan arredor de 2.000 exemplares anuais que remiten a domicilio a quen o desexe.

3 thoughts on “Capón de Vilalba de cinco meses

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *