Problemas e solucións

Como algúns lectores xa terán comprobado polos xornais La Voz de Galicia e El Correo Gallego, o 18 de decembro participei nunha mesa redonda, celebrada na Casa de Trillo, arredor do movemento Slow Food e da súa presenza en Galicia. Sobre a composición da mesa dan boa fe os xornais.

Os organizadores estaban avisados de que eu non ía de palmeiro, senón que pensaba manifestar en público algunhas das moitas dúbidas que me plantexa o movemento, a súa organización, a financiación das súas actividades e de tanto viaxe todo gratis ás feiras que organiza, sobre os motivos de empregar o latín para denominar ás distintas actividades con nomes tan sonoros como convivium, presidium e outros que a min, non o poido evitar, non deixan de lembrarme aos flechas da OJE ou aos boy scouts. Así que preguntei sobre todo eso, roendo os labios cada vez que a palabra OJE viña á miña boca porque, a verdade, a xuntanza transcorreu nun ambiente tan amistoso que eu, convidado, non me atrevín a rachar.

Quedaron no tinteiro outras cuestións. Coma o culto á personalidade do fundador, Carlo Petrini, que se deriva de todo canto se le nos sitios oficiais de slow food. E quedou no tinteiro porque, contra o que eu agardaba, en toda a tarde so se citou unha vez o seu nome, e quen o fixo foi o alcalde de Lekeitio. Os galegos nin mención, con que me quedou unha dúbida máis: ¿serán uns heterodoxos os slow foodies galegos?.

E o certo é que non atopei respostas ás miñas preguntas, pero xurdiron outras no transcurso da tarde. Como, por exemplo, se é certa a contradición que me parece observar entre os criterios polos que slow food elixe os produtos que vai amparar (en Galicia o porco celta, o millo corvo e a centola de Lira) e os obxectivos dos produtores. Entendín que o movemento desexa amparar pequenas producións locais, sostibles e, polo tanto, dirixidas aos mercados máis próximos, pero tamén me parece entender que os produtores buscan, a través de slow food, nome e relevancia no mercado, especialmente no mercado onde mellor se pague.

Dalgunha intervención saquei a conclusión de que slow food “non é unha organización, senón un movemento social” (o entrecomillado responde, máis ou menos, ao que se dixo), pero despois houbo quen falou dos “afiliados”.

Como en toda xuntanza onde se contrastan opinións, un sempre se sorprende con algo. E en Muxía o que me sorprendeu foi a defensa contundente e tallante do nome slow food, así, en inglés, que foi cualificado como “perfecto” minutos despois de que eu puxera en solfa o emprego do inglés e o latín no canto do idioma de cadaquén. E sorprendeume esa defensa porque procedía de Encarna Otero, militante do BNG, que durante unha ducia de anos foi concelleira en Santiago de Compostela, e na anterior lexislatura Directora Xeral da Xunta. Para suavizalo despois falou da versión galega do seu compañeiro de asento (lamento descoñecer quen era e o seu nome) que leva slow food ao galego como “comer de vagar”. Como en Muxía aprendín que en slow food non todo é comer, senón que tamén hai “cittá slow” como Lekeito (“cidade sosegada” segundo o seu alcalde) eu voulles regalar unha forma moi galega e que me parece lle vai mellor ao que aprendín sobre os obxectivos da organización: “con xeito”.

O máis interesante que escoitei na tarde veu da boca de Milucho, da confradía de Lira, quen dixo que eles buscaban en slow food “compartir problemas e buscar solucións conxuntas”.

5 thoughts on “Problemas e solucións

  • 19 de Decembro de 2009 at 19:08 07Sat, 19 Dec 2009 19:08:09 +000009.
    Permalink

    Non sabe o que me alegra que fora vostede á tal xuntanza. A procura dun pouco de sentidiño en todo este rebumbio non podía estar en mellores mans. E o resumo, como sempre, perfecto.
    Coñece abondo a miña posición verbo de SF e as reticencias de fondo que me supón, aínda concordando ao mellor en boa parte das súas bases. E comparto tamén a súa visión de que moitos dos produtores ven o tema como unha oportunidade comercial. Se é así, e teñen éxito, benvidos sexan os Esloufudes e os esloucitis e todos os eslous.
    Do ramalazo illuminati dá boa proba a autodefinición de “movemento social” contra o de franquicia comercial, que sería moito máis axeitado.
    Lin que entre os asistentes estaba Jorge Miranda, un agrónomo portugués de Ardal que casualmente foi a primeira persoa que me falou de SF, hai xa unha chea de anos. Unha magnífica persoa, e un contacto moi interesante que está moi informado sobre as producións artesás do norte de Portugal.
    A postura de Encarna seica é o paradigma do que fai unha información dirixista e incompleta sobre o fondo do movemento, que a primeira vista encaixaría perfectamente en toda a dialéctica de soberanía alimentaria da que tanto gostan as xentes do benegá. Mágoa que, a pesares das máis de 1000 visitas que tivo a miña serie sobre SF non houbese ningún simpatizante con gañas de debater de verdade. E non me creo que sexa que non se enteraron. Así vamos: falando só nos espazos favorábeis.
    Por último, permítame unha crítica feroz: non me podo crer que, con todo o bo xornalista que é vostede, non indagara sobre os detalles do eslousex. Tería sido de enorme interese para os que imos xa costa abaixo 🙂

    Reply
  • 19 de Decembro de 2009 at 19:34 07Sat, 19 Dec 2009 19:34:03 +000003.
    Permalink

    Miguel una de mis peores experiencias como redactora gastronómica fue con Slow Food, intentando trabajar un escrito que divulgaba ampliamente temas y proyectos de la organización coincidiendo con el día de la tierra hace un par de años. El trato que recibí de los encargados de Slow Food fue vergonzoso e incluso maltratante, una arrogancia terrorífica, vamos que terminé el artículo porque soy una profesional pero sin la ayuda de ellos y un cabreo total por su irrespeto. Desde entonces el movimiento perdió total credibilidad para mí. Aquí le han dado el derecho de uso a unas personas que se agruparon bajo el nombre Slow Food, como representantes locales, y en los años que llevan de organizados yo no he visto realizar ni un sólo esfuerzo para proteger productos locales.

    Reply
  • 19 de Decembro de 2009 at 19:34 07Sat, 19 Dec 2009 19:34:54 +000054.
    Permalink

    Ojo, aclaro, los encargados de Slow Food en la sede corporativa en Italia.

    Reply
  • 19 de Decembro de 2009 at 19:35 07Sat, 19 Dec 2009 19:35:21 +000021.
    Permalink

    Ojo, aclaro, los encargados de Slow Food en la sede corporativa en Italia, que pusieron mi sangre siciliana al máximo punto de ebullición.

    Reply
  • 28 de Decembro de 2009 at 19:02 07Mon, 28 Dec 2009 19:02:54 +000054.
    Permalink

    Ola, Miguel. Alégrome de que estiveras connosco dando a túa visión deste movemento. Son consciente de que avisaras de que plasmarías as túas dúbidas, e resultaron moi fructíferas porque abriron un debate longo que moitos non querían rematar, e que continuou despois durante a degustación de produtos.
    Eu defendo a filosofía que sustenta o movemeto Slow Food. Como se concreto isto na realidade dependerá de todas as persoas que apoiemos ó SF Galicia. Hai persoas moi válidas, con moi boas intencións, e nos mundos que corren faltan destes e sobran de outros sen escrúpulos que nos levan a situacións como a que vivimos actualmente.
    Compre que reflexionemos cara onde queremos levar o mundo no que vivimos, e creo que o movemento SF é unha forma de fomentar o desenvolvemento local conectado productos e productores con “bandullos”, a través do gusto polo bo e sobre todo polo xusto.
    Cada un individualmente, podemos cambiar o mundo? seguramente non, pero vale a pena intentalo xunto con outros.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *