Torre da Algalia

1993. Ese foi o ano en que todo cambiou en Santiago de Compostela. Por primeira vez unha administración apostaba forte pola promoción do fenómeno xacobeo como elemento fundamental de atracción turística. Mirado dende a distancia que permiten os 16 anos transcorridos, semella que foi todo un éxito para Galicia e para Santiago.

No casco vello da cidade, o que visitan os turistas, sucedéronse nestes anos dúas oleadas de apertura de novos negocios certamente inquietantes. Primeiro chegaron os “todo a 100” coa súa quincalla barata que, supoño, fodeu bastante o vello negocio compostelán da prata e o acibeche. Algo despois agromaron como cogomelos eses locais sen nome concreto nos que un pode levar tres botellas de viño e unha tarta de Santiago polo que custa unha botella de viño de calidade ou media tarta de feitura artesanal, so ovos, azucre e améndoa. Desta volta a fodida foi a produción alimentaria galega de calidade, á que lle quitaron futuros clientes xa que, imaxino eu, os compradores dese viño barato, cando o beban na casa, han pensar que non se diferenza moito do que despachan no chiringo da esquina, que queda moito máis á man que Galicia. E se non o notan será porque teñen o mesmo padal que os alemáns, segundo dicía un vello coñecido meu que participou nas negociacións para o ingreso de España na CEE (Comunidad Económica Europea) e para quen os teutóns non eran capaces de distinguir polo sabor un lombo de pescada e unha pastilla de xabón.

Pero dun tempo a esta parte comezan, tímidamente, a asomar a orella outro tipo de comercios que, sen renunciar para nada ao turista, tampouco renuncian á calidade e á selección do que venden.

Non vou falar do Beiro ou dos ultramarinos tradicionais de Caldedería-Cervantes-Acibechería, que xa son clásicos consolidados na cidade, senón de tendas de recente creación, como é o caso de Lar das Meigas, que leva arredor dun ano aberto na moi turística rúa do Vilar e no que se ofrecen produtos galegos de calidade, tanto alimentos como artesanía.

Outro exemplo é a tenda aberta pola queixería Prestes en Calderería. Prestes ten experiencia nas súas tendas de Vilalba e Lugo. A de Lugo non a coñezo, pero a de Vilalba, que foi a primeira, está sen ningunha dúbida entre as mellores tendas de queixos e delicatessen de Galicia. Mágoa que en Compostela, a pesar do reducidísimo local que ocupan, fixesen un híbrido, ofrecendo na porta viños baratos, que non sei se terán a mesma calidade que éxito comercial.

A máis recente de todas é Torre da Algalia. Inda que se topa no caso vello, no é precisamente a zona más visitada polos turistas, que non saben o que perden.

O local é un dos máis bonitos de Santiago e ocupa os baixos da coñecida como Torre da Algalia, de onde lle ven o nome á tenda, unha construción do século XIII e un dos poucos exemplos de gótico que eu coñezo en Santiago. Todo pedra e algúns mobles antigos. Viños, queixos, conservas, bombóns e lambetadas diversas, moi ben seleccionadas e a prezos para todos os públicos, é dicir, tanto para composteláns como para turistas.

O paseíño ata a Algalia vai pagar a pena. E de volta cara o centro da cidade pódese pasar por A Troia (pan, doces, galletas, pastas) outro deses negocios gastronómicos que están a dignificar un casco vello excesivamente mercantilizado (no peor sentido da palabra).

6 thoughts on “Torre da Algalia

  • 08 de Decembro de 2009 at 22:38 10Tue, 08 Dec 2009 22:38:41 +000041.
    Permalink

    Sen esquecer algún bar de “pintxos” de nome galego e capital catalán que hai polo Franco, no que, amén de abondar en tostas e pescaíto na barra, o encargado mosquéase se lle falas en galego…..

    Reply
  • 09 de Decembro de 2009 at 17:05 05Wed, 09 Dec 2009 17:05:32 +000032.
    Permalink

    Manda Carallo¡¡ como dicía aquel…. que esperaba que lle falaran en Galicia ¿suahili?…

    Magnifica noticia Miguel a da nova apertura…. non me situo ¿e a rua que sobe dende a Praza do Obradoiro e pasa a caron da Troia?…¿ou é das que despois de Cervantes soben cara San Roque?… A pinta do establecemento é extraordinaria.. vremeos o nivel dos viños, que ten uns cuantos…

    Reply
  • 09 de Decembro de 2009 at 18:02 06Wed, 09 Dec 2009 18:02:36 +000036.
    Permalink

    A rúa nace en Cervantes e vai cara San Roque, como ben dis. A tenda está mesmo ao lado da chamada Casa Gótica, onde está o museo das Peregrinacións

    Reply
  • 09 de Decembro de 2009 at 20:43 08Wed, 09 Dec 2009 20:43:14 +000014.
    Permalink

    Atopei esta tenda de casualidade hai uns días e a verdade é que penso que é unha opción estupenda: gastronomía nun local cun encanto indiscutible. Esa zona ó norte da catedral está a consolidarse como unha referencia moi interesante por locais onde tomar algo, onde mercar… E se os turistas non se decataron polo de agora de que hai moita máis cidade histórica que o triángulo Obradoiro-Franco-Rúa do Vilar, eles o perden.

    Reply
  • 09 de Decembro de 2009 at 23:56 11Wed, 09 Dec 2009 23:56:30 +000030.
    Permalink

    Non sei se lembran que hai anos abriran unha tenda, penso que patrocinada pola consellería de Agricultura, pola parte de abaixo de Huérfanas, na que se vendían produtos galegos con indicación de orixe. Mágoa de oportunidade perdida.
    A todo isto, coñezo poucas cidades con nomes de rúas tan eufónicas como compostela.

    Reply
  • Pingback:Colineta » Blog Archive » Aguardiente de mirabel

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *