Vía libre ao escumoso e tostado de Valdeorras

Se a finais de xullo quedaba oficialmente recoñecida a posibilidade de produción de viños escumosos no seo da denominación de orixe Rías Baixas, agora é Valdeorras a que suma os escumosos e os tostados aos tipos de viños acollidos pola súa denominación de orixe.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde pola que se aproba o regulamento da D.O. Valdeorras e o seu consello regulador.

O novo regulamento establece que os tipos de viños da D.O. serán:

“a) Brancos.

-Valdeorras godello: elaborado co 100% de uvas procedentes de la variedade godello.

-Valdeorras castes nobres: elaborados cun mínimo do 85% de uvas de variedades preferentes brancas.

-Valdeorras branco: elaborado con uvas procedentes de variedades brancas preferentes e autorizadas.

b) Tintos.

-Valdeorras mencía: elaborado co 85% de uvas procedentes da variedade mencía.

-Valdeorras castes nobres: elaborados cun mínimo do 85% de uvas de variedades preferentes tintas.

-Valdeorras tinto: elaborado con uvas procedentes de variedades tintas preferentes e autorizadas.

c) Valdeorras escumoso: viño escumoso obtido segundo o método tradicional, elaborado cun mínimo do 85% de uvas da variedade godello.

d) Valdeorras tostado: viño naturalmente doce, que se elabora a partir de variedades tintas ou, se é de uva branca, esta será da variedade godello.”

En Valdeorras xa se produce un escumoso a partir de uva godello. O Danza foi unha aposta de futuro de Pepe Rodríguez, quen explica que “O mercado do godello depende en gran medida da colleita de albariño nas Rías Baixas“. Así que se hai moito albariño e o prezo baixa a xente deixa de mercar godello para mercar un albariño máis barato. O día que iso suceda Pepe Rodríguez incrementará a produción de Danza, para o que xa ten unha clientela fixa, e non se verá obrigado a vender o godello a prezos non rendibles.

Polo que respecta ao tostado, hai xa preto dun ano que Colineta daba cumprida información dos traballos que estaban a realizar os técnicos do consello regulador de Valdeorras arredor deste viño

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *