Dez meles, dez

Á veces hai cousas que consumimos habitualmente ao longo de toda a vida e non lle prestamos unha atención especial, seguramente por esa rutina. E un día descubrimos que detrás deles hai un mundo apaixonante.

Tal me aconteceu onte a min co mel na presentación-degustación do mel galego que xa comercializa o Esmelga club. Tería que dicir en realidade meles, xa que foron dez os que puidemos probar nunha experiencia certamente interesante.

Así que descubrín as enormes diferenzas en aromas e sabores que se poden atopar entre un mel de silva e outro de brezo, por poñer casos extremos. A variedade de cores e tonalidades, que van dende o case branco do mel de trevo branco (que onte non puidemos probar) ata os castaños moi escuros, case negros dos meles de brezo e castaños, tradúcese nunha enorme variedade de aromas, sabores e gradacións no doce.

Sorprende incluso descubrir que certos meles, coma os de castiñeiro ou brezo, deixan na boca sabores amargos que parecen incompatibles coa súa dozura, pero é así. O mesmo que outros teñen un toque salgado debido á abundancia de sales minerais na súa composición. En fin, un mundo que haberá que explorar con máis calma.

Onte probei dez meles e todos me gustaron. Pero chamaron especialmente a miña atención os de brezo e castiñeiro, potentes de aroma e sabor, complexos e menos doces que outros. E foron todo un descubrimento os mielatos de carballo de A Limia e os Ancares, un mel elaborado con ese líquido doce que as abellas chuchan dos pulgóns presentes en certas plantas. A min pareceume que comía castañas cocidas na compaña do mel.

Os meles presentados, que se poden adquirir a través de Esmelga club, son os seguintes:

Mel milflores. Envasado por Xosé María Porbén Rodríguez en Riberas do Sor (Mañón, A Coruña). Aroma floral intenso e persistente. Gusto doce con lixeiras notas acedas.

Mel milfores. Envasado por Xosé Lois García García en Figueiras (Mondoñedo. Lugo). Aroma intenso e persistente. Gusto doce con lixeiras notas acedas.

Mielato de carballo dos Ancares. Envasado por Manuel Díaz Fernández en Cerrado (Navia de Suarna, Lugo). Aroma moi intenso e persistente. Sabor que lembra o froito da árbore da que procede.

Mel de castiñeiro. Envasado por Xosé Manuel Durán Orús en Saceda (Cualedro, Ourense). Aroma malteado. Gosto dolce e lixeiramente salgado.

Mielato de carballo. Envasado por María Teresa Castro Ferreiro en Ordes (Rairiz de Veiga, Ourense). Aroma malteado. Gosto doce, lixeiramente salgado e que lembra ás castañas cocidas.

Mel de brezo. Envasado por Benito Antúnez Veloso en Río Caldo (Lobios, Ourense). Aroma intenso e persistente. Gusto doce, con notas salgadas e amargas.

Mel de silva. Envasado pola Cooperativa Condado-Paradanta en As Neves (provincia de Pontevedra). Aroma afroitado. Gusto doce con notas ácedas.

Mel de eucalipto. Envasado por Eduardo Ríos Marcos en Aríns (Santiago de Compostela).

Mel de castiñeiro e brezo. Envasado por cooperativa Cauru (Quiroga, Lugo). Aroma intenso e persistente. Gusto con lixeiras nota ácedas e amargas.

Mel milflores. Envasado por Juan Guijarro Lazcano en Toques (provincia de A Coruña). Aroma intenso e persistente. Gusto doce con lixeiras notas ácedas.

One thought on “Dez meles, dez

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *