Historias dun calexón

Eran outros tempos. As poucas farolas públicas que pretendían iluminar pola noite a vila tiñan, cada unha delas, un interruptor. Sigo vendo na miña cabeza aquela muller do barrio de Triana que cada noite as acendía por medio dunha longa vara e, supoño, as apagaba de madrugada.

Non lles estrañe que en Ferreira teñamos un barrio de Triana, porque no Valadouro hai tamén unha Castellaña, un Escorial, Zaragoza e, segundo dicía meu pai, un Bilbao que eu non coñezo e unha fonte onde a auga sabía a laranxa co so imaxinar que así era. Naturalmente, chámase a fonte la laranxeira. No Valadouro tivemos tamén beirarrúas de cristal, aló polo Cadramón, pero nunca ninguén as veu, así que terei que pensar que as tales beirrarúas saíron dalgunha imaxinación.

Daquela o Calexón que leva da praza á igrexa non estaba iluminado, así que era trastada habitual dos rapaces empregalo para tentar asustar ás mulleres que á caída na noite ían á misa. Unha lanterna apoiada no bico e iluminando a cara de abaixo cara arriba era o habitual, pero por esta época do ano as lanternas acababan dentro dunha cabaza, roubada de calquera horta do entorno, baleirada e na que tallabamos un rostro o máis espantoso posible.

Daquela mirábamos no televisor do Bar de Abaixo, ou no dos Lobos, Viaje al fondo del mar ou El agente de la Cipol, así coma os debuxos animados de Mister Magoo. Nada sabíamos de Halloween. No verán a trastada cambiaba e consistía en levar a algún madrileño ata o cemiterio a chamar polo das medias brancas. Se tódolos españois en América son gallegos, daquela no Valadouro todos os emigrantes que volvían nas vacacións do verán eran madrileños.

Tampouco sabíamos nada do estupendo caldo que poderíamos facer con aquela cabaza. Unha receita que viña dos tempos da fame e que, polo tanto, fora desterrada da memoria colectiva e individual do país, como tantas outras que agora, dende outra perspectiva, nos parecen marabillosas, como o pan de millo ou o de centeo.

A min non me gusta o Halloween, unha vella tradición pagá esquecida en Europa e mercantilizada nos Estados Unidos. Pero recoñezo que para os nenos resulta moito máis divertido saír a pedir lambetadas que asustar vellas nunha esquina escura.

Ademais, seguro que so por fodernos, o concello puxo farolas no Calexón.

Actualización: O cantautor do Valadouro, Miro Casabella, fala do Samaín e de como en Ferreira na súa nenez se celebraba con cabazas. El pertence á xeneración que lle ensinou a tradición á miña[/lang]

One thought on “Historias dun calexón

  • 01 de Novembro de 2009 at 20:26 08Sun, 01 Nov 2009 20:26:38 +000038.
    Permalink

    O de pedir lambetadas dudo que sexa moito mais divertido que aquelas trastadas, eu solo con lembralo, ponseme a carne de galiña, pero de añoranza. E si, o concello fodeunos e puxo farolas naquel calexón, xa casi non se pode xogar nin ao “pin,pan,muerto”. Por certo, na foto estás casi irreconocible.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *