Historias de caza

Eu son neto de cazador. E inda que non coñecín os grandes tempos venatorios de Paco de Pisón, os recendos dun bo prato de caza actúan na miña cabeza como os da madalena de Proust e volvo á nenez. A aquel día, por exemplo, en que o avó cazou a última lontra que se comeu pola comarca. Non me pregunten polo seu sabor, que era tan neno que so lembro que a lontra foi á cazola e nada máis. Ao mellor igual o soñei.

Este verán contáronme que no mesmo sitio do río onde foi morta aquela lontra segue unha parella, que se deixa ver con frecuencia a pesar de que o lugar se atopa no medio e medio da vila. A noite que mo contaron mirei moito para o río, coa esperanza de ver as lontras e, de reollo, as figuras do avó e Prudencio, agardando o momento preciso para un tiro imaxinario. Imaxinario porque, afortunadamente, a lontra xa non se pode cazar.

Poño por adiantado que a min gústanme os guisos tradicionais de caza. De coello, de lebre ou de perdiz, que algún día quixera probar con esa curiosa receita que recolle Emilia Pardo Bazán: rechea de sardiñas. Di a Condesa que algúns aprecian máis o recheo que a propia perdiz. Gústanme, e moito, as costelas asadas do corzo, como aquelas que un día de inverno, non hai moitos anos, puxeron de tapa no Atallo, en Ferreira do Valadouro. ¡E de balde!.

Así que non me importaría ter tempo para visitar a Taberna do Valeco antes de que remate o ano. A verdade é que polo anuncio que reproduzo do xornal El Progreso paga a pena a viaxe ata Mondoñedo: entre 6 e 10 euros o prato de caza é un prezo case de cando meu avó empregaba escopeta de avancarga.

Da oferta o máis caro é a perdiz (ó noso xeito), que sae por 10 euros. O xabaril con castañas, o cervo asado con champiñóns e a lebre asada quedan en oito euros. Os pementos recheos de paspallás e o xabaril con fabas de Mondoñedo por sete e o guiso de lebre por seis.

Se as canas recheas da sobremesa son as tradicionais de Mondoñedo, de follado e recheo de natillas, o remate da comida vai ser como unha traca de fogos de artificio.

E despois, para baixar a comida, un bo paseo polo barrio dos Muíños, no que se empraza a Taberna, atravesado polo río Valiñadares e as canles feitas para o servizo do barrio, canles que levaron a un esaxerado Cunqueiro a bautizar Os Muíños como a Venecia mindoniense. ¿Ou tamén o soñei?.

Imprescindible a visita á Ponte dos Ruzos, nome que non lle dirá nada a quen non saiba que tamén é coñecida como Ponte do Pasatempo, alí onde, segundo a historia ou a lenda, que se confunden neste caso, os enviados da curia mindoniense entretiveron á dona do Mariscal Pedro Pardo de Cela, portadora do indulto real, ata que as campás da catedral tocaron a morto.

3 thoughts on “Historias de caza

  • 11 de Outubro de 2009 at 20:59 08Sun, 11 Oct 2009 20:59:27 +000027.
    Permalink

    Non foi un soño. A lontra faoi a cazola.

    Apertas.

    Reply
  • 12 de Outubro de 2009 at 10:26 10Mon, 12 Oct 2009 10:26:23 +000023.
    Permalink

    Ya estoy haciéndome un hueco para ir a Mondoñedo!

    Reply
  • 12 de Outubro de 2009 at 19:36 07Mon, 12 Oct 2009 19:36:55 +000055.
    Permalink

    Eu que son o mais vello dos irmans, recordo perfectamente a nutria, pero non esa última, que foi cazada cando eu xa estaba po los “madriles”, se nón unha anterior, que cazou Prudencio, e lla deu ó abuelo para que a esfolara, xa que o esfolador oficial da cuadrilla de cazadores era el (recordo mais de otenta pieles de raposo colgadas no faio da casa da Lavandeira). O abuelo ó ver aquela carne tan blanca es tan boa aparentemente, dixolle a Prudencio si iba tirala, o que este lle repostou que si, entón o abuelo dixolle que logo se quedaba con ela pra probala. !Eu chupeime os dedos¡ e recordo que tiña un gusto entre o pito e o peixe. Lamentablemente a última como digo mais enrriba non puiden probala.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *