O gaiteiro e os larpeiros

Xosé Martínez naceu nas últimas décadas do século XIX, é de supoñer que en Gondomar, xa que acabou sendo coñecido como O Gaiteiro de Gondomar. A comezos do século XX era considerado o mellor gaiteiro de Cuba.

¡Que si, home que, si, en Cuba houbo e hai gaiteiros! Galegos e asturianos, primeiro, e cubanos agora. Primeiro tocaban muiñeiras e alboradas, despois tamén tocaban danzóns e agora tocan guaracha a ritmo de gaita galega.

O Gaiteiro de Gondomar foi coñecido en Cuba pola súa música, pero tamén pola súa cociña, así que con frecuencia era contratado para as festas, jiras, organizadas polas sociedades galegas na illa, festas que non faltaban no 25 de xullo.

Precisamente ese día do ano 1912 Xosé Martínez cociñou o banquete dunha destas sociedades: Os larpeiros de Matanzas.

No libro “A la Habana quiero ir. Los gallegos en la música de Cuba” de Ramóm Pinheiro, podemos ler o menú:

Relación do que preparou o gaiteiro de Gondomar, fillo do vello Martínez, pra primeira henchedela d’os enxebres que compoñen a sociedá Os larpeiros: Viño con quinina, tortiñas, salchichón de Landrove, mortadela da Guardia, olivas dos olivares de Bouzas, caldo gallego alo pontevedrés, años das terras das burgas, chivos asados, arrós con polo ao xeito da Coruña, viño branco e tinto, sidra, cervexa, café e tabacos (…) despois da comida e os discursos toca a gaita ao lado do atrio da igrexa de monserrat. Todos bailan“.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *