Burbullas para o viño Rías Baixas

Dende hoxe xa se pode producir viño escumoso ao abeiro da denominación de orixe Rías Baixas, unha vez que o Diario Oficial de Galicia publicou onte a orde pola que se aproba o novo regulamento do seu consello regulador.

A partir de agora poderemos encontrar os seguintes viños das Rías Baixas:

Brancos.

– Rías Baixas Albariño: viño monovarietal elaborado co 100% de uvas da variedade Albariña.

– Rías Baixas Condado do Tea: elaborado na subzona do Condado do Tea con uvas das variedades Albariña e Treixadura nun 70% como mínimo, sendo o resto das demais variedades, todas elas producidas na subzona do Condado do Tea.

– Rías Baixas Rosal: elaborado na subzona do Rosal a partir de uvas das variedades Albariña e Loureira nun 70% como mínimo, sendo o resto das demais variedades, todas elas producidas na subzona do Rosal.

– Rías Baixas Salnés: elaborado na subzona do Salnés a partir de uvas das variedades preferentes nun 70% como mínimo, sendo o resto das demais variedades, todas elas producidas na subzona Val do Salnés.

– Rías Baixas Ribeira do Ulla: elaborado na subzona de Ribeira do Ulla a partir de uvas das variedades preferentes nun 70% como mínimo, sendo o resto das demais variedades, todas elas producidas na subzona Ribeira do Ulla.

Rías Baixas: elaborado a partir das variedades brancas recoñecidas, producido, elaborado, embotellado e etiquetado en calquera das subzonas citadas no artigo 5º.

– Rías Baixas Barrica: procedente de viños definidos anteriormente que no seu proceso de elaboración permanezan en envases de madeira de carballo dun tamaño non superior a 600 litros indicarase, todo caso o tempo, en meses ou anos, que permaneceron nos citados envases.

Tintos.

Rías Baixas: elaborado a partir das variedades tintas recoñecidas, producidas en calquera das subzonas citadas no artigo 5º, e nas proporcións que se consideren axeitadas.

Escumosos.

– Rías Baixas Escumoso: elaborado a partir das variedades recoñecidas, producidas en calquera das subzonas citadas no artigo 5º, cumprindo os límites analíticos estipulados neste regulamento, a normativa nacional e comunitaria referente aos viños escumosos de calidade e os que se establezan no Manual de calidade.

O escumoso non vai ser unha novidade na zona, xa que unha adega de Rías Baixas, Lagar de Besada, xa produce Burbujas de Baladiña, que ben podería ser na próxima colleita o primeiro escumoso acollido á denominación de orixe.

4 thoughts on “Burbullas para o viño Rías Baixas

  • 15 de Agosto de 2009 at 19:46 07Sat, 15 Aug 2009 19:46:09 +000009.
    Permalink

    Lembra vostede que no ano 89 houbo un ribeiro espumoso? Era bastante malo, a verdade, pero daquela chamou bastante a atención nos medios….

    Reply
  • 16 de Agosto de 2009 at 21:29 09Sun, 16 Aug 2009 21:29:36 +000036.
    Permalink

    Lembro ben aquel escumoso, como vostede di bastante malo pero que se vendere moi ben a bo prezo. E lembro o escándalo protagonizado pola mesma adega algúns anos despois por una asunto de falsificación de contraetiquetas da D.O. Ribeiro. O seu fundador faleceu hai so uns poucos días.
    E teño idea de que aquel non foi o primeiro escumoso galego.

    Reply
  • 17 de Agosto de 2009 at 21:52 09Mon, 17 Aug 2009 21:52:33 +000033.
    Permalink

    Efectivamente, o escumoso era de cavas do ribeiro, aquela aventura de Manolo Arnoia con Manolo Cabezas e un superenólogo do que non lembro (ou non quero lembrar) o nome, que acabou como o rosario da aurora. A verdade é que o cava era só unha excusa promocional para colar o resto da produción, e ao principio saíu en plan estrela e rematou nos andeis de continente en plan pague 1 y lleveselo todo. De todos os xeitos, cando visitei a adega (xusto antes de inaugurar) e vin que tiñan unha prensa de como 30 hl e depósitos para toda a produción do occidente europeo, algo mosqueado quedei, a verdade.
    E o primeiro intento de cava galego foi uns poucos anos antes cun albariño. Se teñen moito interese busco por aí, que penso que por algures debo ter datos da época.

    Reply
  • 18 de Agosto de 2009 at 18:13 06Tue, 18 Aug 2009 18:13:17 +000017.
    Permalink

    Paréceme que aló pola primeira metade do século XX houbo algunha experiencia cun viño escumoso en Galicia. Pero igual o soñei…

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *