“Caldos da Pepa”: da Terra Cha ás tendas delicatessen de Beverly Hills

Informaba onte El Progreso de que no próximo mes de agosto Caldos da Pepa se presenta en Beverly Hills da man de importadores norteamericanos e a empresa chairega Champivil, ben coñecida en Galicia polas súas conservas de cogomelos silvestres e non tanto polas súas conservas de grelos e berzas. E baixo a marca Caldos da Pepa Champivil mete en lata caldo galego, elaborado por métodos tradicionais e en cociña de leña. Como ten que ser.

Eu non probei os Caldos da Pepa, pero non vou deixar pasar a primeira oportunidade que teña de catalos e xa contarei da experiencia. Paréceme a min que o caldo galego é un deses produtos que poden resistir moi ben o enlatado.

E adiántome a Filomeno Petisuis a dicir que coma o caldo feito na casa, con produtos da casa, non hai nada. Depende, claro, de que casa esteñamos a falar, que coma sempre hai casas nas que as cousas fanse mal, moi mal, o que me lembra aquel dito tan ambivalente que escoitaba de neno: “Na casa de Lepina cómese cocho tódolos días“.

Pero lonxe da casa, e sen produtos da casa á man, un caldo galego de lata pode saber a gloria. E para os americanos que non coñecen o produto orixinal o caldo será algo tan exótico como para nos os preparados procedentes de México, Arxentina, China, Tailandia e tantos outros países afastados que podemos atopar no supermercado da esquina. Pode, claro está, que o que ven na lata nada teña que ver co orixinal, pero eso so o sabe quen coñece a auténtica receita feita no seu lugar de orixe.

A min o da exportación de caldo aos barrios máis chic de California paréceme unha boa nova, pero non me sorprende demasiado. Sorprendeume, iso si, atopar caldo galego en lata made in USA nun supermercado de Miami. Pero deso falaremos no próximo post.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *