Troita escrébese con F

Permítanme que me poña melancólico e bote de menos aqueles veráns en que un chamaba a Elena, ás Lobeiras, para encargar troitas para a cea e por un prezo moi, moi razoable, comíamos troitas de primeiro con cachelos e leituga, e de segundo recuncabamos troitas. “Non poñas máis patacas, Elena, que aínda sobran“.

Falo, claro está, de troitas do río, autóctonas, menudiñas e de carnes pretas, afeitas a loitar coas correntes dos regos de montaña, que non precisaban máis que unhas areas de sal antes de darse o último baño no aceite da tixola, se cadra aromatizado cun chisco, pouco, de unto. O xamón e todas esas mandangas que tan ben lle van ás troitas de piscifactoría non lle acaen nada ás do río, que teñen gusto propio e non precisan adobos.

– Non era eso o que pensaba o Capellán de Viloalle.

– Amigo Petisuis, canto tempo sen velo por aquí! Agardo que a súa viaxe de negocios fora proveitosa. E vexo que lle deu tempo de ler a Sueiro.

– Élle o que teñen os aeroportos. Tempo, moito tempo libre.

Pois efectivamente, como di Filomeno Petisuis, Jorge Víctor Sueiro fala dun mítico troiteiro mindoniense (pola mariña os que van ás troitas non son pescadores, son troiteiros). O Capellán de Viloalle, que cita Sueiro e que se chamaba Benito Ares, ao mellor era da miña familia, que en nalgún lugar entres os meus oito primeiros apelidos levo o de Ares e procede tamén da mindoniense parroquia de Viloalle.

O Capellán presumía de bo troiteiro e parece que así era. E tamén o facía da súa receita de troitas con arroz: un arroz cociñado con pemento verde, tomate e azafrán ao que, cando case está no seu punto, se lle engaden as troitas adobadas con allo, pemento doce e un chisco de picante, perexil, aceite e vinagre. “Élle un prato que sabe como a mel“, conta Sueiro que afirmaba o Capellán.

Hoxe as troitas son so para quen molla as bragas… ou se cadra para os seus amigos. Hai moitos anos que se prohibiu a súa comercialización para evitar que desapareceran irremediablemente dos nosos ríos. Sigo aplaudindo a medida, inda que as bágoas asoman aos meus ollos cando lembro aqueles bocados estivais. Non é o mesmo, pero pola Mariña de Lugo atópanse nos mercados unhas pequenas troitas criadas no río Eo, no concello de Ribeira de Piquín, que pola forma de mantelas e crialas saben moi ben.

Tradicionalmente a calidade das troitas dependía do número de “efes” que incorporaban, sendo as mellores as frescas, fritas, frías e fiadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *