Olivas galegas en allada

A maioría da xente sorpréndese cando descubre que en Galicia tamén se produce aceite de oliva. Incluídos moitos galegos, descoñecedores de que noutro tempo parece que no sur do país houbo oliveiras abondosas, das que pola zona de Quiroga, no sur de Lugo, quedan moitos rastros en forma de árbores que poden acadar os 500 anos de idade.

Ata non hai moito a produción de aceite de oliva nesas zonas estaba destinada en exclusiva ao autoconsumo, pero ultimamente os curiosos poden atopalo nalgunhas tendas, en pequenas cantidades e a prezo elevado (a partir de 12 euros o medio litro), pero cunha calidade moi boa.

O que non se atopa aínda nas tendas son as olivas de mesa. Pero todo se andará.

Martín Álvarez, alma mater da asociación cultural As Estrugas, de Ourense, empeñouse un día en que as estrugas foran consideradas unha verdura máis e, aínda que o fenómeno non sexa masivo, xa se poden ver nas cartas dalgúns restaurantes. Sen deixar as estrugas, anda agora metido a alquimista da oliva, co obxectivo último de conseguir que os paisanos que aínda teñen unha oliveira na porta da casa poñan os seu froitos en tarros de cristal para consumir ao longo do ano, no canto de deixar que as coman os paxaros ou podrezan ao pe da árbore.

Dos experimentos de Martín, que xa conseguiu subir ao seu carro a profesores da Universidade de Vigo e á empresa conserveira Champivil, non van saír olivas recheas de anchoa, senón aderezadas, como é costume nas zonas máis produtoras. Polo momento os intentos van na busca dun aderezo galego, así que xa as probou con chourizo caseiro e con allo, aceite e pemento moído, os ingredientes da tradicional allada.

Eu tiven oportunidade de probar estas últimas e o resultado paréceme moi bo e esperanzador. Para coñecer o resultado final haberá que agardar a comezos do próximo ano, cando Champivil pensa facer unha proba de mercado cuns 300 quilos de olivas. ¡Vaian reservando as súas!

3 thoughts on “Olivas galegas en allada

  • 16 de Xuño de 2009 at 10:18 10Tue, 16 Jun 2009 10:18:07 +000007.
    Permalink

    O aproveitamento da oliveira para facer aceite foi unha actividade agraria común nos vellos tempos. Que eu coñeza, na zona da Ulla existen aínda vellas almazaras, agora en desuso. E no pazo de Armada, en Santa Cruz de Ribadulla, hai un paseo formado por oliveiras (no lle sei dicir, pero alomenos cincuenta árbores) que era aproveitado en tempos para facer o aceite que se empregaba no pazo.
    Pese ao que poida parecer, a oliveira non é só un cultivo dos páramos do sul, senón que a calidade vai aumentando conforme se vai cara o norte.

    Reply
  • 16 de Xuño de 2009 at 20:41 08Tue, 16 Jun 2009 20:41:13 +000013.
    Permalink

    Como sempre os seus comentarios son un compendio de saberes, eSedidió. Un pracer telo por aquí.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *