Chicoria

“Chicoria”. Moitas veces de neno escoitei esa palabra cando o café era demasiado lixeiro ou de mala calidade. Pero na miña casa, na dos avós, dos tíos e resto da familia eu nunca vin un paquete de chicoria, como tampouco os vía nos ultramarinos onde miña mai ou miña avoa me mandaban facer os recados: a casa de Ramón Blanco, que fora xoieiro na Habana, ou a de Hortensio, onde tiñan unha bomba con vaso medidor para despachar o aceite a granel.

Para min a chicoria era un misterio, algo do pasado que os maiores levaban aínda na cabeza. Ás veces falaban dos tempos da guerra e postguerra na que nin había café nin cartos para mercalo, así que había que botar man da chicoria.

Así que cando hai uns días vin no supermercado achicoria La Niña non o dubidei e levei un paquetiños de cuarto de quilo.

A proba tuiteeina en directo:

Tomando unha infusión de chicoria por primeira vez na miña vida: aromas torrados, a bosque en verán, balsámicos…”

e despois:

En boca lembranzas de sopas xaponesas. Lixeiro toque amargo que permanece en boca. Recordos de améndoas amargas e biscoito ao forno de leña“.

¡O biscoito que facía miña tía Pepita!

Non estivo mal a experiencia. Mentres escribo o post teño derriba da mesa o paquete de La Niña e os seus recendos chámanme a repetir.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *