Vedra del Ulla, única augardente española premiada no Concurso Mundial de Bruselas

Debeu cambiar o panel de cata e por iso nos dan a prata, porque para min está mellor a augardente deste ano que a do pasado“. Quen así fala é Pepe Alvela, de Aguardientes de Galicia, empresa fabricante da augardente Vedra del Ulla (2007) galardoado cunha medalla de prata no Concurso Mundial de Bruselas, converténdose no único augardente español premiado. En 2008 a mesma marca (anada 2006), recibira unha medalla de ouro, co que ademais se converte no único espirituoso español con dúas medallas no certame.

“Durante uns tempo deixamos de presentarnos á cata que organiza a Xunta porque xa estaban fartos de darnos o ouro”, asegura Alvela. E non lle falta razón para presumir dunha augardente única e verdadeiramente singular, que é a única en Galicia, e polo tanto non resulta arriscado dicir que en España, que se elabora cun tipo de uva non admitida para a elaboración de viño, por tratarse dunha variedade híbrida. É a chamada “catalana” nas terras situadas ao sur de Santiago de Compostela.

Escribín xa noutra ocasión sobre a uva catalana que cada mes de setembro merco na romaría de Santa Minia, e que medra en parras a poucos metros da miña casa e por toda a Amaía. Quitandolle a pel, algo rasposa, a catalana é unha uva marabillosa, agridoce e con sabores e recendos que ningunha outra iguala.

Son os sabores e aromas que transmite a augardente con ela elaborada. Dixen que a vinificación desta uva está prohibida, por híbrida, pero os particulares da zona seguen a producir con ela un viño, destinado a uso propio, moi aromático, cunha elevada acidez, pero que ben fresquiño, no verán deixase beber moi agarimosamente sempre que un non teña problemas de acidez estomacal. Xa noutro tempo Álvaro Cunqueiro falou, e ben, destes viños lixeiros e clandestinos.

A prohibición no é suficiente e ás veces os viños teoricamente feitos para consumo propio asoman en tascas e feiras, e acostuman nestes casos a ser dunha calidade inferior a ínfima ¿Onde andan eses días os inspectores de consumo?.

Do bagazo desta uvas obteñen os paisanos unha augardente saborosa e aromática. E ilegal, supoño, na meirande parte dos casos, que tamén é sabido que a destilación so está permitida en establecementos fixos e non con alambiques e alquitaras ambulantes. Probablemente a prohibición ten máis de medida fiscal que outra cousa, pero detrás dela hai tamén un certo compoñente sanitario. En calquera caso, a augardente obtida desta uva híbrida é, sinxelamente, marabillosa.

E supoño que foi esa realidade a que levou a Aguardientes de Galicia a elaborar Vedra del Ulla, procedente da destilación de bagazos e viño de uva catalana, obtendo un produto sinxelamente maxistral, cuns aromas a froita e flores deliciosos.

Hai máis de vinte anos que coñecín a augardente, caseira, elaborada de bagazo de uva catalana. E dende entón está no cumio das miñas preferencias en canto a augardentes de bagazo se refire. O Vedra de Ulla ten, ademais, algunhas vantaxes respecto do caseiro: menos gradación (ata 10 grados menos), máis afinada tanto no nariz como na boca, os mesmos aromas pero dosificados en potencia… e a garantía dun produto elaborado cumprindo tódolos requisitos hixiénico-sanitarios e fiscais.

Non me estrana que a premien

One thought on “Vedra del Ulla, única augardente española premiada no Concurso Mundial de Bruselas

  • 02 de Xuño de 2009 at 14:11 02Tue, 02 Jun 2009 14:11:16 +000016.
    Permalink

    Coñezo e aprecio o labor dos Alvela no eido da elaboración de augardentes, e paréceme fantástico o Vedra del Ulla, pero alguén tería algunha vez que prantexarse o baleiro legal que implica a elaboración desta augardente. Se a elaboración de viños con HPD está prohibida non queda clara a legalidade da elaboración de augardentes a partires de bagazos ou borras procedentes de viños HPD, mesmo se os viños foran feitos exclusivamente co fin de elaborar augardentes (o estatuto non establece excepcións). Non quero dicir con esto que houbera que ilegalizar a elaboración destes augardentes, todo o contrario: alguén debería tratar de modificar a norma para permitir especificamente esta elaboración. Penso que sería unha inciativa moi interesante, e sobre todo impediría que esta xente seguira elaborando no fío legal da navalla un produto diferenciado e cunha calidade fóra do normal.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *