Pedra, a outra gastronomía de Compostela

Volvo de visitar por segunda vez o Pórtico da Gloria dende as estadas instalados para a súa conservación preventiva e restauración, estadas que permiten mirar cara a cara, e nalgún caso a pouco máis de medio metro de distancia, aos principais personaxes alí representados.

E volvo coa conciencia de que as cousas do comer están moi presentes na pedra compostelá. Desta volta tiña especial interese en mirar detidamente aos condenados ao inferno por gula e embriaguez, representados no arco dereito, segundo se mira, do Pórtico.

Alí está o guloso, tentando comer unha empanada que nunca poderá tragar porque algo se lle enrosca arredor da gorxa e lle impide deglutir calquera cousa. Tremendo castigo para quen guste da empanada. Serafín Moralejo, estudoso do Pórtico, pensou que a empanada da condena sería, ademais de xoubas con espiñas. Vai ser que tiña razón meu avó e hai que procurar ir ao ceo. Moralejo di que é unha serpe quen oprime a gorxa do eterno comedor de empanada, pero non estou eu moi de acordo con esta teoría, porque na estupenda fotografía que ven no pequeno folleto explicativo (non a de este post) que entregan despois da visita o que para Moralejo é unha serpe para min é un polbo: ten dúas filas de ventosas e na foto aprecio polo menos dous extremos do animal que parecen as puntas dos raxos dun polbo que estivera escondido detrás dos personaxes, asomando so os seus tentáculos. Polo contra, a cabeza da suposta serpe non aparece por ningures.

Mágoa que a visita non permite achegarse moito a estas figuras para tentar confirmar a teoría. Dende logo é máis cruel, máis propio do inferno, que sexa un polbo, perfecto animal de compañía para o galego (na mesa) o que impide ao condenado comer a súa empanada, que co tempo pasado ademais estará fría e resesa.

O mesmo polbo colle polos pes ao condenado por borrachuzas, que tenta beber dunha bota sen conseguilo porque está colgado cabeza abaixo e, naturalmente, a gravidade  leva o viño en dirección contraria á boca do condenado. Nun primeiro momento a condena foi desapiadada, pero hoxe case será unha beizón para o individuo, que o viño estará xa definitivamente avinagrado. Imposible explicar como en máis de 800 anos a bota aínda non se baleirou.

Máis sona que estas dúas personaxes teñen as representadas no Pazo de Xelmírez anexo á catedral. Alí representase unha voda e o seu convite, en que non falta sopa (sopa de festa, que daquela o caldo galego aínda non era nin un proxecto), queixo, viño e empanada segundo tódolos que nunca viron de preto un timbal de lamprea como os que prepara Chef Rivera. Din que Álvaro Cunqueiro imaxinou que a empanada era precisamente de lamprea e que o gastrónomo atento é capaz de percibir os seus aromas, pero eu afirmo definitivamente que en realidade se trata dun timbal.

E dándolle voltas ao asunto lembrei a reportaxe publicada na revista En Compostela que se pode descargar da web de Turismo de Santiago, na que se da conta da cantidade de vieiras estampadas en pedra por toda a cidade, do banquete esculpido por Franciso Asorey nun capitel do Hotel Compostela, das froitas da Casa da Parra, a Torre do Reloxio da Catedral, do baldaquino do altar maior da mesma Catedral e da Casa das Pomas, do as de copas no alto da igrexa de San Fructuoso, do home que leva un bocoi de viño nunha das ménsulas do Patio de San Marcos do Hostal dos Reis Católicos, do peixe gravado na pedra da Praza de Mazarelos, ou na propia Praza de Abastos, a catedral gastronómica de Compostela.

Para rematar eu engado unha nova: ¿non son repolos os que aparecen representados nos nervios de pedra do teito enriba do Pórtico da Gloria?. Son, e ben pechadiños, por certo.

2 thoughts on “Pedra, a outra gastronomía de Compostela

  • 18 de Maio de 2009 at 10:09 10Mon, 18 May 2009 10:09:06 +000006.
    Permalink

    Lo de los repollos del Pórtico nos lo decía ya nuestro profesor de historia del arte (Javier Bescansa) en el colegio, lo que no se es si era cosa suya o venía de alguna fuente anterior.

    Reply
  • Pingback:Repollo. Laberinto. – Sin Objetivo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *