Encontro de blogs gastronómicos en Navarra Gourmet

Navarra Gourmet fixo xa público o programa do Encontro de Bloggers que vai ter lugar en Pamplona os días 19 e 20 de maio, cun plantel certamente destacado e unha gran presenza galega (Capítulo o, Gourmet de Provincias e eu mesmo, confianza que agradezo á organización).

Hai ano e medio ninguén no mundo dos blogs gastronómicos agardaba que os congresos profesionais acabarían dando tanta cancha aos blogs, que nunha gran maioría están en mans de afeccionados.

Pero o certo é que a empanada de blogs estábase a cocer lentamente dende uns seis meses antes, porque foi hai xa dous anos, mes arriba ou abaixo, que mantiven a miña primeira reunión de traballo preparatorio do Forum Gastronómico Santiago`08. Xa nunca poderei esquecer aquel día en que no Casino de Santiago nos sentamos á mesa Pep Palau, Nati Palomo e máis eu, co obxectivo de explicarlles cal era a estrutura dos medios de comunicación galegos e tentar establecer as bases de colaboración cos mesmos.

E falamos de xornais, radios, televisións, axencias, do minifundio informativo no que vivimos en Galicia, cun xornal dominante que ten máis dunha ducia de edicións comarcais, estrutura que os demais imitan no que poden e da como resultado que cada comarca está perfectamente informada do que pasa en cada vila que a compón, pero pouco ou nada sabe da comarca do lado.

Pero houbo máis, porque non quixen rematar a xuntanza sen unha proposta novedosa: prestar atención aos blogs gastronómicos dándolles trato de medios de comunicación e organizando un programa específico para eles. Entón non era o xornalista quen falaba, senón un xornalista metido a blogger e que ademais por entón vivía con expectación o arranque do grupo dos Blogastrónomos e as nosas xantanzas, felizmente imitadas despois en tantas outras partes do país.

A satisfacción chegou días despois cando recibín a chamada de Isaac comunicándome que finalmente en Santiago habería un encontro de bloggers, e que precisaban completar o programa cun ponente galego “de perfil académico”. Non o dubidei un momento e propuxen á persoa que coñezo que máis sabe e mellor domina o mundo da comunicación dixital: Manolo Gago, que acabou convertido na alma mater do encontro celebrado en Compostela e do que este ano tivo lugar no Forum de Xirona. Gago é xa un referente fundamental para estas reunións, mentres tódolos demais somos perfectamente prescindibles.

Así que permítanme que me poña tenro con este neto que me nace en Pamplona e que so me enche de satisfaccións. Mágoa daquel fillo putativo, malogrado, que tivemos o ano pasado en Madrid Fusión.

3 thoughts on “Encontro de blogs gastronómicos en Navarra Gourmet

  • 08 de Maio de 2009 at 16:14 04Fri, 08 May 2009 16:14:43 +000043.
    Permalink

    …e moitos agradecementos por tal historia na que tiven a honra de participar. Eu creo que agora, finais do 09 e 2010, perfílase un novo gran reto: ver a dirección que tomará todo isto. Este é outro momento crucial para o tema da comunicación cibergastronómica.

    Reply
  • 08 de Maio de 2009 at 16:24 04Fri, 08 May 2009 16:24:30 +000030.
    Permalink

    Magago, sabes perfectamente que tal historia non sería posible sen a túa implicación. Honra a dos demáis, que temos a enorme sorte de que compartas con nos os teus coñecementos na materia.

    Reply
  • Pingback:Colineta » Blog Archive » Navarra Gourmet, la toma de contacto

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *