Pan de ovos

Pan de huevosO Venres Santo, na festa do Requeixo e o Mel de As Neves, multitude de postos vendían pan (por primeira vez nun evento deste tipo vin á venda pan de Cea acollido á súa IXP), as típicas roscas de Pascua e o pan da fotografía, que me chamou vivamente a atención pola súa viva cor.

Explicoume o panadeiro, con tafona en Ponteareas, que se trataba dun invento do seu fillo. O pan está feito coa mesma masa dos roscóns, pero non leva azucre por derriba e, pola contra, ten uvas pasas na masa. Sobre se é un invento da casa ou non nada poido dicir, xa que pan semellante vin despois nun segundo posto. Si direi que ademais de atractivo é certamente saboroso, cun lixeiro recendo de anís.

E aproveito a ocasión para recomendar a lectura dos post sobre o pan durmido publicados en Brétemas hai xa un tempo

3 thoughts on “Pan de ovos

  • 13 de Abril de 2009 at 16:51 04Mon, 13 Apr 2009 16:51:35 +000035.
    Permalink

    Na zona sur do Barbanza, cando menos entre as parroquias de Xuño (Porto do Son) e Artes (Ribeira) preparan algo semellante, o Pan de Festa, tamén cunha masa de ovos parecida á da rosca ainda que máis lixeira. Que eu saiba xa só a preparan un par de fornos para o día da festa patronal e, como moito, algún fin de semana especial do verán como o da virxe de agosto, o San Roque, o San Ramón…

    Reply
  • 15 de Abril de 2009 at 00:12 12Wed, 15 Apr 2009 00:12:19 +000019.
    Permalink

    Te escoitei hoxe na galega indo para Vigo falar das chulas. Ummmm qué ganas de probarlas.

    Reply
  • 21 de Abril de 2009 at 10:01 10Tue, 21 Apr 2009 10:01:12 +000012.
    Permalink

    Para “Gourmetdeprovincias”.
    Na miña casa, nunha aldea de Ribeira, miña avoa preparaba a rosca (de páscoa, ainda q nunca lle poñemos este sobrenome) cando leva forma redonda, pero cando vai recta chamámoslle “carrapito” q é o nome q levan tamén as trenzas dos pelo, pois ambas comparten o mesmo método de acadar a sua forma final (tres guedellas entrelazadas).
    Os ingredientes son sempre os mesmos e facíase en calquera época do ano, nomeadamente na páscoa:
    -fariña triga
    -auga morna con lévedo de panadeiro desfeito (q nós chamamos “viana”)
    -varios ovos (dependendo da cantidade de fariña)
    -azucre
    -unha petada de sal
    -anís (agora bótase máis a esencia).
    Deixábase “na tenda” a levedar unhas horas, e ao forno. Tras sair pintábase con ovo por riba e azucre.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *