Malas noticias

Os xornais de hoxe traen unha mala nova: confírmase oficialmente a dimisión de Iñaki Gaztelumendi como xerente de Incolsa, a empresa municipal que se encarga dos asuntos turísticos de Compostela.

Iñaki deixa no seu haber unha boa parte das iniciativas que levaron a Santiago ao punto en que se atopa como referente turístico de Galicia e de boa parte de España. E no mesmo haber están todas, sen excepción, as actividades gastronómicas que converteron a Santiago na capital da gastronomía galega e nun exemplo a imitar por moitas outras cidades españolas. Sería innecesario dicir que todo o feito non é traballo so dunha persoa, senón dun gran equipo liderado por Iñaki, pero hai que dicilo porque un dos seus méritos foi precisamente a capacidade de facer equipo e sacar de cada un dos membros o mellor que podían dar. Foi para min un privilexio formar parte dese amplo grupo de xente implicada nun proxecto que finalmente pretendía converter Compostela na capital gastronómica do país.

Son moitas as actuacións emprendidas e moitos os proxectos que quedan pendentes de desenvolver. Sen dúbida a estrela de todos eles foi o Forum Gastronómico, que por primeira vez converteu a Galicia en punto de encontro de todo aquel que ten algo que dicir no mundo da gastronomía. Como non podía ser doutra maneira, arredor do Forum unha parte, minoritaria, moi minoritara, do país sacou o peor que podía sacar e unha vez máis volveu a Galicia caníbal que cantara Reixa.

Foron moitas as memeces que houbo que escoitar entón, e aínda hai quen segue cego teimando erre que erre. Algúns xente con moita experiencia, que as veces, como é o caso, se converte na persistencia no erro. Dan pena, pero hoxe son capaces de brindar con champaña (de fóra, claro). Quédanos o consolo de saber que xa os pillaron no control de alcoholemia e que xa demostraron que so lles interesa a súa conta corrente e lles importa un carallo o ben do país.

Din os xornais que no prazo dun mes haberá novo xerente. Quédalle o listón moi alto, pero so podemos desexarlle o mellor dos éxitos, polo ben de Compostela e do país. Terá que consolidar o feito, botar a andar os proxectos que quedan no caixón e poñer novas ideas sobre a mesa. E converter de novo Compostela no centro de tódalas miradas en febreiro de 2010, coa segunda edición galega do Forum Gastronómico… ou enfrontarse ao tremendo fracaso de todo o país e o triúnfo da Galicia caníbal.

One thought on “Malas noticias

  • 04 de Abril de 2009 at 20:33 08Sat, 04 Apr 2009 20:33:06 +000006.
    Permalink

    Como dis, foron anos nos que Santiago foi quen de converterse nunha referencia gastronómica e iso, lle pese a quen lle pese, xa queda feito. Só queda agardar que quen veña detrás e sobre todo os responsables políticos sexan quen de entender o enorme activo que esta etapa lles deixou e o xestionen con cabeciña.

    Esperemos que así sexa.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *