As unllas de San Lázaro

Subasta de

  • Vostede veu á subhasta das unllas?
  • Vínlle
  • E que agarda levar de aquí?
  • Eu nada.
  • Non lle gustan as unllas?
  • Teñen moito óso. A min o que me gusta é o xamón. Pero onte vínlle comer o polbo, que non ten espiñas nin ósos.

A conversa acontece a rente de min. Pregunta unha reporteira de televisión e responde un paisano minutos antes de que comece a poxa da unllas de San Lázaro, no barrio do mesmo nome, na entrada de Compostela segundo se chega polo Camiño de Santiago.

Cada mes de marzo o barrio festexa ao seu patrón cun prato principal de unllas de porco cocidas e acompañadas de patacas, chourizos e bertóns. Os restaurantes da zona atéiganse de composteláns, pero os naturais do barrio preparan o manxar na casa e non deixan de asistir á poxa, o día do santo “despois da misa de 11“. Póxanse sobre todo unllas, pero tamén cacholas, dentes (peteiros na fala da zona), touciño… Ata algúns veciños volven a poñer á poxa os lotes que xa lles foron adxudicados e que pagaron, co obxectivo de incrementar a recadación, que queda como donativo para o santo.

Todo o que se pon á subhasta procede de doazóns de veciños. “Agora vai a menos” di un deles “pero houbo un tempo que se poxaban arcóns cheos de unllas” asegura, mentres a poxa continúa entre charlas e chanzas de xentes que se coñecen de sempre e que saben van pagar polo que leven máis do que lles custaría na praza. Pero son as unllas de San Lázaro.

Na poxa hai roles. O subhastador subhasta, e advirte aos compradores que berren, que hai vinte anos perdeu o 40 por cento do seu ouvido esquerdo. A muller da primeira fila semella a súa axudante, advertindo de que por alí ou acolá fixeron unha poxa que el non escoitou, pero o seu rol auténtico é de animadora da subhasta. Ela lanza a primeira poxa cada vez que os compradores non se animan a ofrecer polo lote, e poxa cantas veces sexa preciso para subir o prezo, inda que recoñece a grandes voces que ela non quere mercar, que non vai levar nada para a casa. E cando finalmente lle adxudican unha unlla moitos rin.

O subhastador fai gala do seu don de linguas e canta as poxas en “castrapo”: “oito a la una, oito a las dos, oito a las tres”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *