Plaxio

Merluza de Celeiro con agridulce de pimientos rojos

plaxio. s.m. Copia ou imitación dunha obra allea (literaria ou artística), que constitúe fraude (Dicionario da Real Academia Galega).

plagiar. Copiar en lo substancial obras ajenas, dándolas como propias (Dicionario de la Lengua Española. Real Academia Española).

Plaxio cometería eu se escribira unha historia titulada “O enxeñoso fidalgo don Pepote da Alcarria” contando as aventuras dun individuo medio tolo e o seu acompañante. O individuo en cuestión monta unha moto todoterreo e o seu acompañante un quad de terceira man e enfrontase a todo un parque eólico do Cadramón pensando que son xigantes (e ben pensado si que son xigantes os muíños do Cadramón). Ningún editor se prestaría a publicar a miña marabillosa novela, así que acabaría colgándoa en internet e o mellor alguén picaba e daba por bo o meu traballo.

Pois algo parecido é o que está a pasar no mundo da cociña. Hai cociñeiros que non teñen ningún escrúpulo en copiar o que fai o de ao lado e, cunha pequena modificación, apropiarse do traballo alleo e presentalo como propio, sen sacar do erro aos que difunden a falsidade, conscientes ou non do que fan. Teño varios casos moi frescos aos que se pode poñer nome e apelidos. Se a un escritor no lle vale con cambiar Quixote por Pepote a un cociñeiro non debe valerlle con cambiar o sal maldon por sal do Himalaia.

Non quero dicir con isto que so poida cociñar un prato o creador do mesmo. Para iso tería que patentalo e non estou seguro de que sexa posible. Cociñar o que outros crean contribúe a mellorar a cociña en xeral, porque non todo o mundo ten o mesmo xenio culinario nin a mesma capacidade creativa ou de traballo. A inmoralidade está en presentar como propio o traballo alleo.

Consciente de que tal cousa está pasando, o que me sorprende é o comportamento tan civilizado que amosan os copiados, que calan no canto de montar un cristo.

2 thoughts on “Plaxio

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *