Queimar as naves

O cesante, como se dicía en tempos pasados, refírome ao Presidente cesante da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, dixo un día que a el non o ían pillar nun restaurante galego “de luxo”. Habería que definir qué entende cada un por “luxo” e non me vale o recurso do dicionario porque o da Real Academia Galega da, como segunda acepción, “Calidade do que é caro, normalmente de boa calidade ou con características especiais”.

Non me vale a definición da Academia porque me parece que confunde “caro” e “custoso”. Para min é caro aquilo que custa máis do que vale, sexa alto ou baixo o seu prezo. E custoso é o que vale moito diñeiro, pero a un prezo xusto. Aclaremos as cousas: uns percebes do Roncudo poden resultar custosos. Uns marroquís, ao mesmo prezo, son caros, carísimos.

O cesante tería as súas razóns para dicir o que dixo, pero igual debeu quedar caladiño, que a gastronomía en Galicia é un alicerce importante do sector turístico, que achega moitos cartos á nosa economía e, vía impostos, que non son poucos, ás nosas contas públicas.

Dos gustos culinarios do entrante, é dicir, Alberto Núñez Feijoo, próximo presidente da Xunta de Galicia, sabemos, porque el mesmo o declarou, que lle gustan as sardiñas e os ovos fritos. ¡Como a todo o mundo! A quen queira que un lle pregunte polos seus pratos favoritos os ovos fritos sempre estarán na resposta. Non parecen custosos os gustos de Núñez Feijoo, e afeccionado, como di ser, ás sardiñas, non me estrañaría velo proximamente por Ácio e Casa Marcelo, que nos dous sitios preparan as sardiñas morrocotudamente e ademais están moi próximas á residencia do Presidente, en Monte Pío.

  • Iago, unhas sardiñas de San Xoán
  • Marchando, señor Presidente.

Quédanos agora por saber que modelo de promoción turística e gastronómica vai emprender o novo goberno da Xunta de Galicia. Do primeiro, do turismo, xa sabemos que Feijoo encargou ao Consello da Cultura Galega que lle dea unha pensada aos contidos do próximo Xacobeo, que cae o ano que ven, pero do segundo, da gastronomía, polo momento non hai pistas.

Hai un camiño, fácil, que é continuar facendo o mesmo de sempre, mirándonos ao embigo e deixando que os de toda a vida continúen manexando os fíos e dilapidando os diñeiros en actuacións inútiles pero proveitosas para uns poucos. É o camiño fácil, pero a Galicia non lle sirve de nada.

Hai outra vía: a da imaxinacións, a innovación e o traballo a través de equipos onde cada un da o mellor de si co obxectivo de conseguir en conxunto o mellor para o país, que se traduce en progreso interno e proxección exterior. Un traballo no que todos contan e todos poden achegar o seu gran de area para o ben común. Temos que conseguir que as nosas materias primas se transformen en Galicia. E iso no mundo da gastronomía pasa por conseguir que cada vez máis a xente veña a Galicia non so a comer moreas de marisco de importación senón tamén os mellores produtos do noso mar e da nosa terra, que non están, como din algúns, en Mercamadrid. Alí ao mellor so están os máis caros. Claro que para tomar esta vía igual hai que romper algunhas ataduras do pasado, quen sabe se incluso queimar algunha nave, pero se o fixo Hernán Cortés, que non era máis que un aventureiro, ¿porque non o vai facer o próximo presidente da Xunta, reputado xestor?

2 thoughts on “Queimar as naves

  • 31 de Marzo de 2009 at 09:22 09Tue, 31 Mar 2009 09:22:26 +000026.
    Permalink

    e se o entrante quere ovos no Garum hai unha tapa de ovo a baixa temperatura que esta morrocotuda

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *