Natura

Onte, mentres miraba na pantalla do salón de actos da Fundación Caixa Galicia como Albert Adrià e o seu equipo moldean froitas, follas, ovos, igualiños que os orixinais co emprego de moldes de silicona e calor lembraba o traballo dos prateiros de Compostela, que seguen unha técnica parecida para as súas creacións. Malia coñecer por dentro un taller de pratería, propiedade dun bo amigo que me amosou hai xa moitos anos tódolos segredos do seu oficio, non caera na importancia da técnica ata que en 1996, no “Museo del Oro” de Bogotá, descubrín que estaba ante unha forma de traballo que en América xa se empregaba antes da chegada de Colón. No traballo dos antigos ourives chamábase “cera perdida”.

Foi sorprendente ver como nas cociñas de El Bulli, a innovación máis punteira nos leva de volta a moitos séculos atrás.

Durante preto de dúas horas, Albert Adrià, ao que presentou Marcelo Tejedor, contounos, con axuda de diversos vídeos, a historia do restaurante e algunhas das técnicas empregadas por el. Un simple globo, deses pequeniños que os nenos enchen de auga para arrebolarse uns a outros, pode servir de molde para facer marabillas. Se non fora porque tamén había nitróxeno líquido, isomalt, xantana, lecitina de soia… parecería que se trataba dun xogo de nenos con resultados marabillosos.

Tódolos asistentes gozaron como nenos e cada vez que Adrià propoñía parar as proxeccións unanimemente pedíamos máis. Teoricamente era a presentación dun libro, pero en realidade foi un espectáculo salientable.

Como salientable foi a ausencia dos estudantes de hostalería da cidade. Pola mañá Albert Adrià visitou as dúas escolas de hostalería de Compostela e convidou a profesores e alumnos a asistir á presentación da tarde. O resultado foi un profesor e catro ou cinco alumnos. Os demais, profesores e alumnos, demostraron un total desinterese por aprender. Peor para eles

2 thoughts on “Natura

  • 03 de Marzo de 2009 at 20:19 08Tue, 03 Mar 2009 20:19:44 +000044.
    Permalink

    …déixame espantado este último parágrafo.

    Reply
  • 04 de Marzo de 2009 at 00:16 12Wed, 04 Mar 2009 00:16:37 +000037.
    Permalink

    Pois así foi. Un profesor. Catro alumnos. ¿Ou cinco?

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *