Cervexas e conservas

EstrellaCando cheguei a Madrid en 1976 chamoume a atención a gran afección dos madrileños por acompañar as súas cañas de cervexa con conservas de peixes e mariscos. O “escabeche”, termo co que se referían a un taco de atún ou bonito en escabeche, habitualmente acompañado de cebola crúa, deu paso a berberechos, mexillón, ameixas, zamburiñas… sempre en lata.

E non se trataba exclusivamente das vellas tabernas madrileñas, pois co paso do tempo abriron outras novas  que tiñan a gala ofrecer conservas de gran calidade, por moito que as marcas foran descoñecidas para o gran público, que vivía nos tempos daquel divertido anuncio televisivo en que dous calvos (Jesús Puente e Juanjo Menéndez) vendían a marca Calvo e o seu atún “claro”.

Tal vez pola proximidade do produto fresco, en Galicia sempre miramos á conserva como un recurso para momentos imprevistos e non como un produto que, cando é bo, nos pode facer gozar tanto como moitos outros frescos.

Por iso foi unha agradable sorpresa a cata de cervexas con maridaxe de conservas que esta fin de semana realizamos no marco do programa Santiago de Compostela Repetirás.

Fernando Iglesias, responsable de calidade de mercado de Estrella Galicia, explicou que conservas e cervexas fan estupendos maridaxes, especialmente cando se trata de escabeches, cousa que efectivamente puidemos comprobar de inmediato cos impresionantes mexillóns en escabeche marca Cuca (da serie “Delicias del Mar”, que se presentan en latas deseñadas por Sargadelos).

Catamos tres cervexas de Estrella Galicia: a especial, é dicir, a que atopamos en calquera bar galego que se prece de vender boa cervexa (algúns optan por marcas máis baratas, inda que nos cobran a caña ao mesmo prezo), a 1906 e a River Sin, unha cervexa sen alcohol que procede da desalcoholización da 1906. A marca dispón doutra sen alcohol, a River Zero, procedente da desalcoholización da especial.

Aprendemos que as cervexas galegas son do tipo “lager”, de baixa fermentación, fronte ás inglesas, que son de tipo “ale” de alta fermentación. E soubemos que Estrella emprega un 70 por cento de malte de cebada e un 30 por cento de millo, o lúpulo preciso para darlle o amargor característico e auga da cidade da Coruña, que se atopa entre as mellores de España e ten moito que ver na calidade da bebida. Tamén non explicaron que a especial está elaborada cun malte menos torrada que a da 1906, o que fai que a primeira sexa máis loira e na segunda, ademais dunha cor máis subida se aprecie un sabor más dóce.

O mellor do asunto foi descubrir como os mexillóns en escabeche harmonizan de forma sensacional coas tres cervexas, inda que a preferencia maioritaria foi pola especial.

Pola contra, os berberechos ao natural parecían pedir mellor un viño branco fresco. A cervexa especial soportábaos ben, pero a 1906 desaparecía ante a intensidade salina e a mar do marisco. Os berberechos, bárbaros.

A terceira conserva que se catou foi polbo. Vaia por diante que o mesmo que as conservas de mexillóns, berberechos, ameixas, zamburiñas… me parecen moi logradas, as de cefalópodos (polbo, luras…) creo que non acadan uns mínimos de calidade para formar parte dunha boa mesa. E non atopo unha marca que se salve desta apreciación, así que igual é porque estes produtos non están feitos para a lata. Malia iso, o polbo en lata deu un bo resultado en compaña da 1906, inda que para outros o mellor acompañamento era a River Sin. Cousa de gustos

2 thoughts on “Cervexas e conservas

  • 03 de Marzo de 2009 at 12:09 12Tue, 03 Mar 2009 12:09:53 +000053.
    Permalink

    ¡¡Fantástico unha vez máis Miguel!!

    Nos meus anos vivindo en Madrid non cheguei a que me ofrecesen moito “escabeche” cas cañas. Coma moito boqueróns en vinagre ou banderillas con boquerón.

    En cambio, en Bilbao si que había moito pincho de escabeche. E estaban ben ricos.

    Reply
  • 03 de Marzo de 2009 at 16:14 04Tue, 03 Mar 2009 16:14:54 +000054.
    Permalink

    Eu cheguei a Madrid en 1976 e o escabeche era habitual en multitude de lugares. De pago, naturalmente. Sitios como La Ardosa (na de Conde de Peñalver, desaparecida hai bastantes anos coincidín moitas veces con Tip, que era habitual lo local), El Brillante, o “comunista” ou Angel Sierra sempre tiña derriba da barra a lata de escabeche.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *