Dos Cielos

Sopa de caracolillosRematou o Forum. Agardo ter tempo para contar algunhas das cousas vistas en Xirona, pero é preciso agora comezar polo principio.

Non puiden asistir o primeiro día do Forum ao encontro de blogs e ben que me pesa pois ao fin e á postre foi dunha proposta miña a Pepe Palau de onde xurdiu o primeiro encontro en Santiago, hai xa un ano.

Mentres os bloggers debatían en Xirona eu acompaña a Pepe Solla (Casa Solla, Poio, Pontevedra) e 20 persoas máis a mercar na praza de abastos de Santiago para despois cociñar todos xuntos no Hostal dos Reis Católicos. Rematado o taller Solla saleu disparado coller un avión en Vigo e eu fixen o mesmo na Coruña, para volver xuntarnos ás dez e media da noite no restaurante Dos Cielos, en Barcelona, acompañados tamén por Xosé Cannas (Pepe Vieira Camiño da Serpe, Poio, Pontevedra) e Gourmet de Provincias.

Agora sei o porque do nome do restaurante. Vale que está na pranta 24 do hotel ME, máis preto das nubes que o resto de Barcelona, pero en realidade aquí os Dos Cielos son os xemelgos Torres, Sergio e Javier, que ademais de dous profesionais como a copa dun pino son dúas persoas amables, simpáticas e detallistas.

Grazas á amizade dos irmáns con Pepe Solla ocupamos a mesa do chef, reservada exclusivamente aos colegas, para darnos un festín memorable. “Ceas destas levamos poucas este ano“, dicíalle Solla a Cannas en presenza dun dos irmáns Torres, que non puido evitar preguntar cantas. “Unha -contestou Solla-. Esta“.

A cousa comezou cunha sopa de caracolillos. Un caldo xelatinoso no que nadaban minchas, gotiñas de aceite e herbas diversas. Puro sabor a mar, unhas veces matizado polo aceite, outras polas herbas.

Despois chegaron as ostras, cogombros, pe de tenreira e lima. Mornas, saborosas e sorprendentes.

Entre os pratos memorables da noite os chícharos de Llavaneras, con clorofila da súa pel e tendón. Sinxelamente sublimes.

Despois o ravioli de foie gras e castañas, que non lle ía á zaga ao prato anterior. A estas alturas os catro tíñamos estreliñas nos ollos.

A pescada con caldo, algas e alcaparras foi, para o meu gusto, o prato menos destacado. O caldo de algas era memorable, pero o peixe non estaba á altura dunha boa pescada de Celeiro. O problema non era a elaboración, senón a materia prima.

O apartado de carnes consistiu nun típico mar e montaña: meloso de tenreira con espardeña e allo tenro. Pero fóra do menú previsto tomamos tamén a quenelle de lebre. Penso que era Sergio o que estaba moi interesado en que a probásemos e a verdade é que acertou plenamente. Sobre un anaquiño de brioche viña a lebre, desfebrada e cuberta cun abundante prebe. Pura lebre, un sabor que me levou á infancia, o mesmo que os chícharos.

Queixos antes das sobremesas, consistentes nun xelado de faba cupuaçu con reladura de lima e un falso biscoito de chocolate sen fariña, ganache, froitas e puré de cacao. Sorprendente o xelado, elaborado cunha faba semellante á do cacao que os Torres traen do Brasil, onde tamén teñen casa aberta.

Bebemos un cava Marqués de Gelida, un branco Electio elaborado coa variedade xarel.lo que me lembraba aos viños de Xerez, un tinto Marta de Baltá (Penedés, 2005, syrah) e un moscato Mas Ferrant.

Rematada a cea e pechado o restaurante inda tivemos uns minutos para tomar un gin tonic na compaña de Sergio e Javier (Hendricks con Fever Tree que incluso tomou o Gourmet de Provincias, representante na cea do grupo antigintonic) e visitar a parte das cociñas que se atopa 19 pisos máis abaixo.

O luns volvín atopar cos xemelgos Torres en Xirona, pero esa será outra historia.

3 thoughts on “Dos Cielos

  • 26 de Febreiro de 2009 at 13:52 01Thu, 26 Feb 2009 13:52:12 +000012.
    Permalink

    Carai Miguel… cando contas estas cousas e o lees ás dúas menos dez (13,50) non sabes o mal que se pasa. Menuda cea, e que pinta teñen esos caracolillos. Xa nos vemos cando volvas. Apertas

    Reply
  • 25 de Maio de 2009 at 11:46 11Mon, 25 May 2009 11:46:08 +000008.
    Permalink

    Hola buenos dias.

    Me dirijo a usted señor Miguel Vila Pernas con el fin de solicitarle las fotos realizadas en la critica al restaurante Dos Cielos, ya que yo tambien he podido disfrutar de esta sensacional experiencia.
    La finalidad de las fotos es para incluirla en un trabajo que estoy realizando para la Escuela Superior de Hosteleria de Barcelona y trata sobre los restaurantes gastronomicos. Es un trabajo de final de curso y al poder leer su critica, el reportaje fotografico me seria de gran ayuda.

    Me despido de usted señor Miguel dandole mi mas sincero agradecimiento por su colaboracion.

    Emmanuel Duran Uribe
    Estudiante de cocina

    Reply
  • Pingback:Colineta » Blog Archive » Orgullo pulpeiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *