Rosquillas de Amparo

RosquillasCada Antroido, na casa de meus avós, en Ferreira do Valadouro, e na casa de Amparo, en Tras dos Ríos, había algo que na miña casa non se cociñaba: rosquillas. As rosquillas que Amparo, viúva de meu tío Fernando, cociñaba na súa casa e na dos avós. E ás dúas ía eu sempre probar o manxar.

Os avós e Amparo xa non están, pero a tradición das rosquillas segue na casa das primas, así que algunha vez teño ido comelas alí, pero como desta volta non podía ser, que paso o Antroido en Girona, no Forum Gastronómico, aproveitei que o meu fillo tiña que levar algunha larpeirada da época para a festa do colexio e botei man da fariña.

Para estas rosquillas hai que preparar unha masa igual que a das orellas. “Pero máis dura”, me dixo Amparo o día que lle pedín a receita.

Así que amasei fariña, ovos, reladura de limón, unha culleradiña de royal e un chorriño de anís. E despois derriba do granito da encimera seguín amasando e engadindo fariña ata que conseguín unha masa máis compacta que a das orellas.

Despois de repousar durante unha hora aproximadamente fixen pequenas bólas de masa, do tamaño dunha noz pequena, e estirei cada unha delas entre as mans, facendo un roliño de masa dun diámetro inferior ao dedo meimiño co que formar as rosquillas.

De seguido á tixola, fritíndoas en aceite de xirasol ben quente ata que estaban douradas.

Fritas tódalas rosquillas, puxen nunha cazola azucre, un pouco (pouco) de auga e un pouco de anís. E ao lume. Déixase cocer uns minutos e de seguido, cun chisco de lume debaixo da cazola para que non arrefríe o xarope, pásanse as rosquillas por el e vanse poñendo nunha fonte por capas, non sen antes botarlles por derriba algo de azucre, segundo o gusto de cada un.

Pasadas dúas ou tres horas a parte superior das rosquillas, a que recibiu o azucre, estará seca, momento no que se pasan a outra fonte dándolles a volta para descubrir que a parte de abaixo aínda está húmida por mor do xarope. Vólvese e botar azucre e déixase outras dúas ou tres horas. Ou ata o día seguinte, que foi cando fixen a foto que acompaña ao post.

Comendo a primeira lembrei a meu pai e miña avoa materna, dos que aprendín que o Antroido é un estado de ánimo e non un baile de máscaras. O importante nestas datas é o que se leva por dentro. Por fóra vale calquera cousa

One thought on “Rosquillas de Amparo

  • 23 de Febreiro de 2009 at 20:43 08Mon, 23 Feb 2009 20:43:24 +000024.
    Permalink

    Aquelo era o autentico espiritu do Antroido.Quedan as lembranzas. Un ano de estos, xuntamonos e liamola. Unha aperta.

    Reply

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *