Chaolas de Cariño

A do Antroido en Galicia é unha cociña que se basea fundamentalmente no porco e nas sobremesa. Se a parte contundente da comida consiste nun sempre completo cocido, as sobremesas son moi variadas e nalgún caso de carácter moi local e descoñecidas para o resto do país. Tal é o caso das chaolas de Cariño.

As chaolas son unha especie de orellas xa que levan practicamente os mesmos ingredientes e se trata do que ata hai menos dun século se incluía na categoría de “frutas de sartén”: orellas, flores, filloas, etc.

No último programa de Arroz con Chícharos (os domingos na rede de emisoras galegas da Cadena SER, 12,30 horas), falamos con Dolores Sanclaudio, presidenta da Asociación de Amas de Casa de Cariño que cada ano elabora chaolas para os actos públicos do Antroido da vila.

Os ingredientes para unhas boas chaolas serían quilo e medio de fariña, 8 ovos, 150 gramos de manteiga, 50 gramos de lévedo de panadería, 1 vaso de anís, 1 vaso de leite, sal, 2 culleradas de azucre para a masa e azucre para botar por derriba das chaolas e reladura de limón.

Comézase poñendo a quecer o leite e a manteiga por una lado e batendo os ovos por outro. Unha vez o leite está quente e a manteiga derretida, engádese o anís, o azucre e a reladura de limón e de seguido os ovos batidos e remexese ben.

Aparte desfaise o lévedo en auga morna e agrégase á mestura anterior. Bótase un quilo de fariña e amásase moito, ata que faiga vexigas. O medio quilo restante de fariña emprégase para irlla engadindo segundo sexa preciso.

Unha vez rematado o amasado, cóbrese a masa cun pano e déixase levedar durante 2 ou 3 horas. Pasado ese tempo, fanse pequenas bolas de masa (de cada unha sairá unha chaola), e déixanse repousar durante quince minutos.

Despois estirase cada unha das bolas e frítese en aceite abundante e ben quente. Unha vez saen da tixola bótaselles por derriba azucre.

Un dos requisitos imprescindibles das chaolas é que a masa so se pode estirar coas mans, quedando proscrito o uso de rolos e instrumentos semellantes que esmagan a masa e impiden que as chaolas saian como deben.

Foto: www.concellodecarino.org

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *