Cousas sinxelas: sopa de millo

Dun tempo a esta parte existe unha cociña que é cuestión so de iniciados, tanto dende o punto da elaboración como do consumo.

A inmensa maioría dos consumidores continúa sen poñer os pes nun restaurante de alta cociña, ás veces levado so polos prezos que lles poden parecer excesivos, pero creo que na meirande parte dos casos esta realidade responde ao nulo interese que teñen esas xentes por probar certas cousas que ven nos telexornais durante a celebración dos grandes congresos gastronómicos e polas que identifican o conxunto da alta cociña coma o traballo dunha xente que semella levitar varios centímetros sobre o chan. ¡A quen se le ocorre separar os compoñentes dunha tortilla cando xuntiños están riquísimos! exclama máis de un.

O certo é que a xente que anda pola rúa, posiblemente moitos dos lectores de Colineta tamén, identifican comida e cociña coa tradicional e as novas cociñas, creativas, tecnoostias ou como queiramos chamar, como a lambetada dun día especial. Claro que despois todos descubrimos que esas lambetadas están, polo xeral, moi ricas, e que non toda a cociña actual, creativa, é froito dun complicadísimo traballo de conxunción de ingredientes e alquimia. A complicación está, ás veces, en como chegar á sinxeleza sen renunciar para nada ao sabor e sensacións pracenteiras do bo comer.

Algúns dos pratos máis reputados da cociña tradicional galega e española, con décadas ou séculos ás súas costas, son un auténtico exercicio de sinxeleza: o polbo á feira (un ingrediente e tres condimentos), o caldo galego, a tortilla de pataca, as sopas de allo, a porrusalda, a empanada, ata o cocido son pratos sinxelos que gustan a todo o mundo e que xa teñen un lugar de privilexio na historia da cociña. So o tempo permitirá ver o pouso que deixan algunhas preparacións actuais.

Ven todo isto a conto de que onte para a cea preparei un prato sinxelo pero absolutamente delicioso e sorprendente: a sopa de millo que nos ensinou Marcelo no seu taller de Santiago Repetirás. Xa probara eu esta sopa con anterioridade, a última vez na cea de inauguración do Forum Gastronómico de Santiago, hai case un ano, e pareceume xenial, pero unha vez vista a súa preparación comprendín que a xenialidade está na capacidade dun cociñeiro de sacar un prato delicioso duns poucos ingredientes. ¡E ademais un de lata!.

A sopa é ben sinxela. Comezase por preparar un bo caldo de polo, empregando para el unhas carcasas frescas, que se atopan case en calquera sitio agora que o polo se vende en gran medida despezados, as peitugas por un lado, os zancos polo outro… ¡Elaborar o caldo é o proceso máis complexo e longo da elaboración!.

Así que xa temos un bo caldiño e pasamos a preparar a sopa. Nun cazola ponse un pouco de cebola en anacos e un dente de allo, con algo de aceite de oliva e deixase rustrir. De seguido engádese o millo doce, o caldo de polo e sal e cócese uns minutos. Non precisa moito tempo porque o millo xa ven precocido.

De seguido tritúrase coa minipimer e pásase por un coador fino. A sopa está lista para servir. Marcelo ponlle unha vieira ou unhas zamburiñas, Delokos púxolle hai uns días uns colines de polenta e na miña casa onte botaron de menos uns oviños de paspallar.

Media cebola bastante pequena, un dente de allo e 400 gramos de millo doce conxelado (non medín a cantidade de caldo) deron para tres bos pratos de sopa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *