A IXP da castaña galega, transitoria, entra en vigor esta semán

As castañas, os pementos de Herbón, O Couto, Oímbra e Arnoia; os grelos, a torta de Santiago, o botelo e a androlla terán protección transitoria este mesmo ano, segundo declarou o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, na clausura de Xantar, que pechou as súas portas o domingo.

A castaña será o primeiro destes produtos que goce da protección transitoria, xa que o conselleiro anunciou que o seu regulamento se publicará no Diario Oficial de Galicia o 11 de febreiro. A protección transitoria permitirá a comercialización destes produtos baixo o amparo da súa Indicación Xeográfica Protexida (IXP) nos casos da castaña, grelo, tarta de Santiago, botelo e androlla, e Denominación de Orixe (D.O.) para os pementos. A protección so será aplicable en España mentres se tramita en Bruxelas a súa inscrición no rexistro comunitario.

Suárez Canal indicou que o cultivo do castiñeiro é un bo complemento económico para os agricultores e gandeiros galegos, asegurando que segundo os datos de que dispón o propio sector “unha hectárea de castiñeiro ben valorizada podería producir, a partir dos 15 anos, arredor de 6.000 quilos de castaña anualmente, o que se traduce nuns ingresos pola súa venda de aproximadamente 10.000 euros para os propietarios dos montes“.

O conselleiro de Medio Rural aproveitou para pór de manifesto a importancia que teñen as denominacións de calidade na conta de resultados do sector primario galego, “xa que xeran un valor económico anual superior aos 260 millóns de euros“, e subliñou que, “malia a crise económica mundial na que estamos inseridos, as producións galegas están a manter e mesmo a incrementar o seu nivel de vendas“. Neste sentido, indicou que nalgúns sectores como o viño, “son as denominacións de orixe galegas as que están tendo un mellor comportamento dentro do mercado estatal xa que, durante 2008, viron incrementada a súa cota de mercado nun 4,6%, sobre todo no subsector da alimentación, pero tamén na hostalaría, fronte a un descenso xeneralizado do conxunto das denominacións do Estado, que perderon un 3,3 de cota de mercado.” Esta tendencia positiva, mesmo en tempos difíciles, atribúea o conselleiro ao esforzo realizado por produtores e industrias na mellora continua dos seus procesos produtivos e na introdución da tecnoloxía e a innovación, pero tamén ao apoio decidido da administración galega a estas producións.Texto do regulamento da IXP Castaña de Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *