Conservas á vista

No marco do programa Santiago Repetirás, o último sábado de xaneiro tivo lugar unha sesión de cata e maridaxe de viños de Valdeorras e conservas da marca Cuca. Unha gran experiencia.

Jorge Mazaira, director técnico da D.O. Valdeorras, explicou as claves de Valdeorras e os seus viños, catándose dous brancos godello, un da vendima de 2008 e outro de 2002, que sorprendeu moi positivamente aos asistentes, descoñecedores da capacidade de evolución dos brancos galegos.

Sobre as conservas falou Mónica Pita e puidéronse catar dúas verdadeiras marabillas: uns berberechos ao natural que talmente parecían acabados de abrir e uns mexillóns en escabeche sinxelamente maxistrais. Tamén houbo polbo, unha conserva que segue sen aportarme nada, como todas as de cefalópodos. Polo momento a industria non atopou un sistema que permita enlatar cefalópodos cunha calidade salientable.

No marco da sesión Mónica Pita explicou que Conservas Cuca abre a súa fábrica de Vilagarcía de Arousa a todo aquel que a queira visitar (grupos de profesionais, asociacións, etc.), previa reserva a través do teléfono 986 565 033. Aparte da visita pódense realizar degustacións de conservas na propia fábrica e incluso existe a posibilidade de rematar a visita cunha comida a base de conservas.

Foto: www.conservascuca.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *