En Daveiga e Xantar

Semella que hoxe andei pendente de comprobar a exquisita puntualidade do conselleiro de Innovación e Industria da Xunta de Galicia. Primeiro en Chantada, onde a cita era ás 11 e faltaba un minuto cando Fernando Blanco chegou. Despois en Ourense, onde eran as 12,58 horas cando baixaba do coche oficial para asistir á inauguración de Xantar, prevista para dous minutos máis tarde.

En Chantada o conselleiro, acompañado de Martín Pita, director de Aenor para Galicia, visitou as instalacións de Daveiga, a empresa que fabrica as galletas mariñeiras. Malia que o forte da produción xa rematara (ás cinco da mañá comezan a amasar) o xerente da empresa, Xosé Lois Lamazares, explicou detidamente o proceso de produción e a orixe das galletas, así como o desexo da empresa de empregar materias primas galegas, sempre, naturalmente, que se atopen no mercado, cousa que non sucede con algúns dos elementos que empregan para as galletas ecolóxicas.

A visita do conselleiro a Daveiga estaba motivada pola entrega de catro certificacións de calidade por parte de Aenor, sobre os que hai unha ampla explicación no blog da empresa. En calquera caso hai que salientar que Daveiga é a única empresa galega que ten estes catro certificados. Picando aquí pódense ver algunhas fotos da visita.

E de Chantada a Xantar, en Ourense, que hoxe abriu as súas portas e non pechará ata o próximo domingo. Alí fixen as fotos desta presentación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *