O Inorde presenta en Xantar un menú a base de patacas

PatatasSemella que os galegos non podemos comer sen patacas, pero tamén parece que un menú baseado fundamentalmente neste tubérculo pode ser excesivamente monótono. Pois precisamente o contrario van demostrar na próxima edición de Xantar os cociñeiros que rexentarán o restaurante do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), que ofrecerán un menú a base de patacas… acompañadas dalgunha cousiña máis.

O menú comezará por un tricolor de patacas: dados de patacas en suave crema de allo, dados de patacas en prebe brava e dados de patacas en prebe verde.

Seguirá cos chupitos de suaves cremas: gazpacho de patacas con anaquiños da horta galega, crema de caldo galego e crocante de xamón de porco celta.

A continuación chegarán á mesa as delicias de sinfonía de espetos: de polbo con patacas á galega, de sardiña das rías con patacas douradas en prebe lixeiro de tomate e de vitela galega con patacas gratinadas en prebe de queixo D.O. Cebreiro.

Para continuar ofrecese o ragú de bonito de Burela con patacas estufadas ou o xarrete de vitela galega estufado con verduriñas de tempada e pataquiñas risoladas.

Na sobremesa un variado de bocadiños de doce de pataca de elaboración caseira e copa de castañas en xarope con nata ou zume de laranxa.

O menú irá acompañado de viños e licores galegos e terá un prezo de 12 euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *